A parroquia de Doso acolle este sábado, 15 de novembro, unha nova edición da recreación da Esfolla, unha cita que cumpre preto de tres décadas recuperando unha das tradicións máis queridas do mundo rural galego. A actividade, organizada pola Asociación de Veciños A Naveira Doso, conta coa colaboración do Concello de Narón, o Padroado da Cultura e a Deputación da Coruña, e desenvolverase a partir das 17:00 horas na pista polideportiva de Doso.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e representantes da asociación organizadora presentaron na mañá deste lúns o programa do evento en dependencias municipais. Ferreiro destacou “o labor da entidade veciñal para manter viva unha tradición que forma parte da nosa memoria colectiva e que cada ano consegue reunir veciñanza de todas as idades arredor dun traballo que se converteu en festa”.
A esfolla do maínzo, tamén coñecida como esfollada, era antigamente unha tarefa comunal que se realizaba trala recollida do millo. Os veciños e veciñas xuntábanse para retirar as follas das espigas, mentres cantaban, contaban historias e compartían comida. Co paso do tempo, aquel labor agrícola transformouse nunha celebración popular que en Doso se segue a recrear fielmente, combinando tradición e participación cidadá.
O programa deste ano inclúe unha exposición de bonecos de maínzo elaborados nos centros escolares da zona, obradoiros de bonecos, e actuacións de música e danza tradicional a cargo dos grupos do Padroado da Cultura. A xornada contará tamén coa actuación infantil “Pablo Díaz con Canta Música”, o VI Campionato de Debagado de Maínzo, un concurso de sobremesas e un peche musical a cargo do grupo “Os Carecos”.
Dende a AVV A Naveira Doso salientan que o obxectivo da cita é “manter viva a esencia comunitaria da esfolla, implicando as familias e a mocidade na transmisión das nosas tradicións”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

