Dúas novas formacións en Narón para aprender a compartir enerxía e aproveitar as axudas públicas

O Concello de Narón, a través da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC), organiza dúas novas sesións formativas abertas á veciñanza que se celebrarán os días 29 e 30 de decembro no Auditorio Municipal de Narón, centradas na creación de comunidades enerxéticas locais e no acceso ás axudas públicas en materia de enerxía e rehabilitación.
 
 
A primeira das formacións terá lugar o próximo luns 29 de decembro ás 12.00 horas baixo o título “Presentación de Narón en Comunidade: unha comunidade enerxética para o aforro e a independencia enerxética”, que incluirá tamén contidos sobre modelos xurídicos das comunidades enerxéticas. A sesión servirá para presentar o proxecto municipal “Narón en Comunidade”, unha iniciativa destinada a impulsar comunidades enerxéticas locais como ferramenta para reducir a factura eléctrica e avanzar cara a unha maior autonomía enerxética.
 
Esta formación está dirixida á veciñanza en xeral e tamén a asociacións veciñais, pequenos comercios, comunidades de montes, colectivos sociais e comunidades de propietarios interesadas neste modelo. Durante a xornada explicarase que é unha comunidade enerxética, en que se diferencia doutras fórmulas tradicionais, que modelos de participación existen e como funciona na práctica o reparto da enerxía nunha instalación fotovoltaica compartida.
 
Ademais, detallarase como se vai desenvolver o proxecto no municipio, que perfís poden participar e cales serán os primeiros pasos do proceso. A sesión pecharase cunha quenda de preguntas para resolver dúbidas concretas das persoas asistentes. A segunda cita será o martes 30 de decembro ás 20.00 horas, tamén no Auditorio Municipal, coa formación “Como acceder ás axudas públicas: guía práctica para veciñanza e entidades”.
 
Esta sesión está orientada tanto ao público xeral como a representantes de asociacións, comunidades de montes, ANPAS, clubs e outras entidades locais. Durante a formación abordarase de maneira práctica que tipos de axudas públicas existen en materia de autoconsumo fotovoltaico, eficiencia enerxética e rehabilitación, onde se publican as convocatorias e que aspectos clave é preciso revisar antes de solicitalas. Tamén se detallarán os requisitos máis comúns que adoita esixir a administración e ofreceranse recomendacións para preparar a documentación con antelación e evitar erros que poidan supoñer a perda das axudas. Ao remate habilitarase unha quenda de preguntas para atender casos concretos.
 
Con estas dúas novas formacións, o Concello de Narón continúa reforzando o seu compromiso cun modelo enerxético máis sostible, participativo e accesible, facilitando información e acompañamento á cidadanía para reducir custos e aproveitar as oportunidades existentes.
 
A Oficina de Transformación Comunitaria, situada no Centro Social A Solaina, atende de luns a venres en horario de 09.00 a 15.00 horas (atención presencial os martes e mércores). As persoas interesadas poden contactar no teléfono 677 73 73 21 ou no correo electrónico otc@naron.gal.
 
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
 

Lea también

Club Arco Narón obtiene buenos resultados en el II GP de España Promesas

El campo de tiro de la Universidad Complutense de Madrid acogió este pasado fin de …