As Pontes retoma a campaña de sensibilización “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA” con motivo do 25N

As actividades da campaña desenvolveranse entre o 13 de novembro e o 18 de decembro.

O Concello das Pontes dálle continuidade, por terceiro ano consecutivo, á campaña de sensibilización “Non as fagas invisibles. Afina a mirada”, coa que se busca visibilizar todas as formas de violencia que se exercen contra as mulleres e as nenas, prestando especial atención a aquelas violencias cotiás, simbólicas ou normalizadas que adoitan pasar desapercibidas.

A través desta campaña, o Concello quere facer un chamamento á responsabilidad compartida e convidar a toda a cidadanía a afinar a mirada fronte ás desigualdades e ás violencias machistas que permanecen ocultas, recordando que a súa erradicación require implicación social, formación e conciencia colectiva.

UN PROGRAMA PLURAL PARA IMPLICAR A TODA A COMUNIDADE

As actividades da campaña desenvolveranse entre o 13 de novembro e o 18 de decembro, combinando accións de sensibilización, formación e educación dirixidas a diferentes públicos: alumnado dos IES, tecido asociativo, profesionais da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional (MLCI) e veciñanza en xeral.

O programa arrincará o 13 de novembro cun dobre faladoiro: pola mañá, “Si eu tamén, ti tamén. Todo por non falalo”, dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO no Auditorio Cine Alovi, e pola tarde, o encontro aberto “A mocidade está fatal: xuventude, sexualidade e pornografía”, con Jesús Moreno, psicólogo e sexólogo especializado en xénero e masculinidades, colaborador en espazos como Obxectivo Igualdad de RTVE e o proxecto Bróders.

Do 13 ao 30 de novembro, o Multiusos Casa Dopeso acollerá a exposición “Que hai detrás da prostitución?”, elaborada pola Rede Galega contra a Trata Sexual, que convida a reflexionar sobre a mercantilización do corpo das mulleres e as relacións de poder que a sosteñen.

As accións formativas continuarán os días 18 de novembro e 2 de decembro, con dúas sesións baixo o título “Asociacionismo desde o bo trato e a igualdade: prevención, detección e actuación fronte aos estereotipos e ás violencias machistas”, dirixidas ao tecido asociativo local.

O 19 de novembro, ás 10:00 h, celebrarase unha formación específica para o persoal da MLCI titulada “Trata e prostitución: detección, coordinación e resposta interinstitucional”, na que participarán Javier Sánchez, subinspector do Corpo Nacional de Policía e xefe do Grupo Operativo de Estranxeiría, e Roberto Ferreiro, coordinador do Centro de Día Oblatas O’Mencer de Ferrol e cofundador da Rede Galega de Loita contra a Trata Sexual, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta profesional ante estas realidades.

As actividades tamén chegarán aos centros educativos, onde, entre o 20 de novembro e o 18 de decembro, se desenvolverán tres propostas coeducativas: “A revolución está servida” (2º da ESO). Actividade “Punto violeta”. Taller “Conectad@s” (1º da ESO)

Como cada ano, o 25 de novembro, ás 12:00 h, diante da Casa do Concello, terá lugar a tradicional lectura do manifesto institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

UNHA MIRADA COLECTIVA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS

A campaña “Non as fagas invisibles. Afina a mirada” reafirma o compromiso do Concello das Pontes coa igualdade e coa loita contra as violencias machistas, impulsando un programa que combina formación, reflexión e acción social. Toda a programación pode consultarse na páxina web do Concello (aspontes.org) e nas súas redes sociais oficiais.

Lea también

Papá Noel protagoniza en Neda siete encuentros con niños en distintas zonas de la villa

Papá Noel visita este martes la localidad de Neda para saludar a los chavales y …