A Deputación da Coruña converte Píxel á Feira, no maior escaparate do videoxogo galego e da cultura dixital

Píxel á Feira, o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia, abrirá as súas portas os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, que se converterá na capital galega do videoxogo e da cultura dixital. A cita, organizada pola Deputación da Coruña, reunirá máis de 50 proxectos creados en Galicia, a cifra máis ata o de agora nun encontro deste tipo, e ofrecerá unha ampla programación de actividades abertas ao público.

O salón nace coa vontade de converterse nun punto de encontro anual para a industria galega do videoxogo, un espazo de intercambio entre profesionais, creadoras e creadores e público afeccionado, ademais dunha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego.

“Queremos”, explica o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira “contribuír ao fortalecemento e visibilidade da industria galega do videoxogo, para que continúe promovendo novos produtos e se popularicen, e Pixel á Feira pon en común todo isto, ofrecendo un espazo inmellorable para a venda e a promoción das empresas do país”.

Programa

A feira reunirá videoxogos históricos, proxectos universitarios, propostas independentes e novas creacións, que compoñen unha panorámica diversa e chea de talento. Entre os espazos destacados está a exposición do MUVI–Museo do Videoxogo de Galicia, que mostrará vinte e dúas pezas emblemáticas da historia do sector no noso país. Na Zona Interactiva, o público poderá descubrir e xogar os videoxogos que se están a facer hoxe en Galicia.

O Escenario 1-1 acollerá máis de trinta actividades que conectan industria, cultura e entretemento. Haberá encontros profesionais sobre tradución e localización en galego, educación e selo galego do videoxogo, ademais de citas divulgativas musica ou podcasts.

Na Zona Mercado, o público atopará tendas, librarías, artistas e marcas vinculadas á cultura dixital e ao coleccionismo . Na Zona Arcade e Torneos, poderanse probar máquinas orixinais como as de Daytona USA (1993), con ata oito xogadores simultáneos e participar en competicións de títulos clásicos e actuais como Tetris Sonic Windjammers Mario Kart 8 DX Street Fighter 6 ou Super Woden GP 2.

Outro dos grandes eixos do evento será o Escenario DLC, un espazo participativo que naceu dunha convocatoria aberta á comunidade galega do videoxogo. O programa combina presentacións, obradoiros e conversas que amosan a diversidade e a creatividade do sector.

O I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, cuxa entrega de premios se celebrará o sábado 8 (Escenario 1-1, 18.30 horas), será outro dos grandes momentos da programación e recoñecerá a calidade e innovación dos proxectos creados ou traducidos ao galego.

Todas as actividades son de acceso libre e os horarios poden consultarse na web pixelafeira.gal.

Lea también

Arroxo presenta su candidatura para liderar el BNG en Lugo en 2027 con la «convicción» de que recuperarán el gobierno

El candidato, que deberá ser ratificado por la militancia, reivindica el trabajo realizado en los …