Novo premio nacional para a enfermaría da ASF por un traballo sobre sarcopenia de desnutrición

Nesta ocasión foi un primeiro premio no Congreso da Asociación Española de Enfermaría de Cardioloxía, que se celebraba entre o 23 e o 25 de outubro en Granada.

Novo premio a nivel nacional para a Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol-ASF. Nesta ocasión, foi no Congreso da Asociación Española de Enfermaría de Cardioloxía, que se celebraba hai uns días, entre o 23 e o 25 de outubro, en Granada. Unha comunicación tipo póster de profesionais desta Área recibiu un primeiro premio e aborda a Sarcopenia e desnutrición na insuficiencia cardíaca: o inimigo silencioso en cardioloxía e Medicina Interna.

Os autores son Carlos Javier Martínez Louro, Eulalia Pena Núñez, Laura López Varela, Ana López Salgado, Alicia Caneiro Rodríguez e Daniel Pérez López do Servizo Cardioloxía, que traballaron con datos recompilados nos andares de Cardioloxía e Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

A Insuficiencia Cardíaca asóciase a desnutrición e sarcopenia, que é o trastorno do músculo esquelético relacionado coa perda da función e da masa muscular; e estes son factores que incrementan a morbimortalidade, os reingresos e as estadías hospitalarias dos pacientes con esta patoloxía, minorando a súa calidade de vida. Segundo explican no seu traballo galardoado a nivel nacional, “a detección precoz é clave e o persoal de enfermaría xoga un papel fundamental no cribado e seguimento”.

Polo tanto, o obxectivo do estudo foi avaliar a prevaleza da sarcopenia e a desnutrición en pacientes hospitalizados con Insuficiencia Cardíaca no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e implementar un circuíto multidisciplinar de cribado e intervención durante a hospitalización, así como o seu posterior seguimento nas Unidades de Cardioloxía e Medicina Interna. O ingreso por Insuficiencia Cardíaca, subliñan, é “unha oportunidade para identificar pacientes en risco e establecer intervencións nutricionais e/ou de exercicio para mellorar o seu prognóstico e a súa calidade de vida”.

Análise da situación da situación e intervencións
Estes profesionais da Área Sanitaria de Ferrol realizaron un traballo prospectivo e unicéntrico, entre xuño e decembro do pasado ano 2024, con 92 pacientes dos servizos de Cardioloxía e Medicina Interna, de entre 76 e 84 anos. Fixeron unha análise e seguimento cunha serie de ferramentas e diferentes cribados propios para isto. Como, por exemplo, o SARC-F que é un cuestionario de proba de detección de sarcopenia, cuestionarios de capacidade funcional, dinamómetros para avaliar a forza muscular, ou medicións antropométricas. O 59,8% do total dos pacientes beneficiouse dunha intervención nutricional. Así mesmo, detectouse un 29,3% de pacientes con Sarcopenia que recibiron un programa de exercicios específico.

No caso daqueles pacientes con risco de desnutrición, levaron a cabo un rexistro nutricional diario para determinar requirimentos e establecer a intervención máis adecuada, axustando dietas e adición de suplementos segundo as necesidades. No caso dos pacientes con Sarcopenia, incluíronse nun programa de exercicios específicos, en colaboración co Servicio de Rehabilitación e Fisioterapia. Estes tests de cribado e as intervencións realizadas integráronse na historia electrónica do paciente.

Estas profesionais concluíron no seu traballo premiado a nivel nacional que a desnutrición e a sarcopenia son condicións frecuentes e infradiagnosticadas en pacientes con Insuficiencia Cardíaca, especialmente en pacientes con varias patoloxías e de máis idade. “A súa detección temperá mediante cribado é crucial para a posta en marcha de intervencións nutricionais e/ou de exercicio que melloran o seu prognóstico e calidade de vida”, subliñan.

Lea también

APFSC organiza la IX edición de la Jornada de Pesca Infantil

El plazo para inscribirse estará abierto del 18 al 24 de junio, ambos inclusive, a …