A Deputación da Coruña lanza os bonos MercaNaVila, con descontos de ata 100€ para gastar no comercio local

A Deputación da Coruña anima á cidadanía a descargar os bonos MercaNaVila, dispoñibles na web www.mercanavila.gal, cos que se poden obter descontos de ata 100 euros por persoa para realizar compras nos pequenos comercios dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou o Concello de Noia, onde foi recibido polo alcalde, Francisco Pérez, e percorreu varios establecementos da vila acompañado de concelleiros do goberno local, e da xerente da asociación de comerciantes Noia Histórica, Belén Arróniz. Na visita estivo tamén o alcalde de Boiro, José Ramón Romero..

Durante a visita, o presidente interesouse polas impresións dos comerciantes e propietarios de pequenos negocios e animou á veciñanza a descargar e utilizar os bonos, ao tempo que agradeceu a implicación do tecido comercial da provincia local na posta en marcha da campaña.

Queremos que a cidadanía se sume masivamente a esta iniciativa. MercaNaVila é unha oportunidade para aforrar nas compras e, ao mesmo tempo, apoiar aos pequenos establecementos aos que estamos tan apegados, os que manteñen viva a economía e a vida das nosas vilas. Cada compra é unha aposta polo emprego local e pola cohesión social das nosas vilas”, destacou Formoso.

O presidente provincial subliñou que MercaNaVila é un dos programas máis ambiciosos de impulso ao consumo de proximidade activados en Galicia, cun orzamento de 6 millóns de euros que permitirá mobilizar ata 25 millóns de euros en vendas nos comercios locais da provincia.

A Xunta destina 7,5 millóns de euros a programas similares en toda Galicia, mentres que a Deputación inviste 6 millóns só na provincia da Coruña e exclusivamente en concellos de menos de 20.000 habitantes. Iso dá unha idea da magnitude e da aposta que supón este programa pola economía de proximidade”, explicou Formoso.

O rexedor noiés, Francisco Pérez, destacou a “sensibilidade da Deputación e do seu presidente con sectores que o precisan, como é o caso do comercio”. Subliñou que este sector é “un dos principais motores económicos de Noia” e lembrou que o seu municipio é o que máis establecementos ten adheridos á campaña MercaNaVila.

Pola súa banda, oalcalde de Boiro, José Ramón Romero, afirmou que “a Deputación, aínda que non teña competencias en materia de comercio, está aí”. Cualificou como “un éxito que se destinen 6 millóns de euros a apoiar o comercio local dos concellos pequenos da provincia” e animou a que se lle dea continuidade a esta campaña en anos vindeiros.

Pérez e Romero coincidiron tamén no esforzo dinamizador que farán dende os seus municipios para que esta iniciativa chegue á maior cantidade de poboación posible, así como animaron aos seus veciños como a todos os residentes da provincia, a descargar os bonos.

Máis de 900 comercios adheridos e ampliación do prazo de inscrición.

A excelente acollida da campaña levou á Deputación a ampliar o prazo de inscrición dos comercios que desexen participar ata o 20 de novembro, cando finalizará a campaña. Ata o momento, máis de 900 establecementos de toda a provincia xa se adheriron á iniciativa, 82 deles en Noia, o que demostra o dinamismo do sector comercial da vila e o interese do tecido económico local por formar parte do programa.

O pequeno comercio é un motor esencial das vilas: xera emprego e dá vida ás rúas. Nos últimos anos sufriu moito, e dende a Deputación queremos estar ao seu carón con medidas útiles e directas”, afirmou Formoso, quen lembrou que nas últimas dúas décadas “a provincia perdeu preto de 1.900 tendas e comercios, unha media de unha ao día, o que nos obriga a actuar e a apoiar con decisión a quen sostén a economía das nosas vilas”.

O presidente agradeceu tamén a colaboración da Federación Galega de Comercio, presidida por José María Seijas, e destacou o papel das asociacións locais, como Noia Histórica, na dinamización das vilas e na creación de sinerxías entre administracións e pequenos empresarios.

O comercio é a vida das cidades e vilas: onde hai comercio hai actividade, emprego, turismo… Con MercaNaVila buscamos fortalecer ese tecido esencial que mantén vivas as vilas da nosa provincia”, engadiu Formoso.

Como funciona MercaNaVila.

O programa MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña, está dirixido á poboación maior de idade residente en concellos de menos de 20.000 habitantes. Cada persoa poderá descargar bonos por valor de ata 100 euros, que se aplicarán automaticamente en forma de desconto directo de entre 5 e 15 euros por compra, segundo o importe. As persoas que residen nas cidades poden tamén descargar o bono, aínda que deberán realizar as súas compras nos comercios dos concellos máis pequenos para beneficiarse dos descontos.

Os bonos estarán dispoñibles ata o 20 de outubro, ata o 20 de novembro, ou ata esgotar o orzamento total dispoñible. Os comercios interesados en participar poden inscribirse a través da plataforma habilitada en www.mercanavila.gal, onde tamén atoparán toda a información e condicións da campaña.

A Deputación estima que o programa permitirá mobilizar ata 25 millóns de euros en vendas, contribuíndo de forma directa a reactivar o consumo, apoiar ás pequenas empresas locais, crear emprego e favorecer a fixación de poboación nos concellos rurais.

MercaNaVila é unha medida económica, pero tamén social. Non só dinamiza o consumo, senón que impulsa o orgullo de mercar na túa vila, de apoiar ao teu veciño e de contribuír ao futuro do teu concello”, concluíu Formoso.

Lea también

La licitación de la cubierta del estadio de A Malata se retrasará un mes por un “error de cálculo”

Problema inesperado en el proceso de licitación de la cubierta del estadio de A Malata …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *