O Concello das Pontes presentou de forma oficial, a programación da XXXV Feira de Fungos e Cogomelos, que se celebra entre os días 31 de outubro e 2 de novembro.
No marco desta presentación, tamén se deu a coñecer o cartel da presente edición, elaborado polo alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Santa María, gañadores do concurso “O Mundo da Micoloxía”, promovido polo departamento de Cultura co obxectivo de fomentar o coñecemento do medio natural entre a infancia e promover a súa participación na vida cultural da vila.
Desde o Concello subliñouse a importancia da Feira como un dos eventos máis representativos do calendario cultural, social e económico do municipio, ademais do seu papel na promoción da participación educativa e da creación local.
Asi mesmo, o goberno local destacou a implicación do alumnado na creación do cartel oficial da feira, sinalando que “é fundamental que os nenos e nenas coñezan desde pequenos o valor do noso entorno natural e se acheguen ao mundo da micoloxía dun xeito lúdico e educativo. A través do concurso ‘O Mundo da Micoloxía’, o alumnado tivo a oportunidade de aprender, coñecer e plasmar esa aprendizaxe de forma creativa. O cartel que presentan é unha mostra do seu talento e da súa mirada curiosa sobre a natureza e a súa contorna”.
Tamén resaltaron que “a Feira de Fungos e Cogomelos é un evento emblemático para As Pontes, que pon en valor a riqueza micolóxica da nosa comarca e promove a participación cidadá a través dunha ampla programación que combina cultura, lecer e aprendizaxe. Este ano deseñouse unha proposta diversa, pensada para todos os públicos, na que se inclúen actividades como paseos micolóxicos, obradoiros de cociña, animación de rúa ou concertos, entre outras”.
Por outra banda, apuntaron a importancia da feira como motor económico para a vila, sinalando que “a feira non só ten unha gran relevancia cultural e social, senón que tamén contribúe á dinamización da economía local, apoiando directamente a hostalaría, o comercio e a artesanía. É unha oportunidade para dar visibilidade aos produtos locais de tempada e para reforzar o vínculo entre o rural, a gastronomía e o desenvolvemento económico sostible”.
A programación desta trixésimo quinta edición comezará o venres 31 de outubro coa actividade “Cantos aos cogomelos”, unha proposta musical organizada en colaboración co grupo de música tradicional No Cómbaro. Durante a tarde-noite, diversos locais hostaleiros do municipio acollerán actuacións dos grupos Aquí e Alá, Espera que vou mexar, Foliada de Remior, Mestura de Nete, Nordeste Callado, Os do 21, Pandereteiras da Escola Municipal das Pontes, Retranka, SCR Ledicia, Silbarda e Tocata Xou, que encherán As Pontes de música tradicional e ambiente festivo.
O sábado 1 de novembro a programación continuará cun paseo micolóxico para público adulto, guiado por expertos da Asociación Micolóxica Coruñesa no Monte Forgoselo. Paralelamente, desenvolveranse o mercado de oportunidades MOVA na Avenida da Coruña, a mostra de artesanía e produtos de outono na rúa Ramón Cabanillas e diversas actividades de animación de rúa.
A tarde estará centrada na divulgación e na gastronomía, cunha exposición micolóxica, e obradoiros de cociña infantil e para adultos a cargo dos gañadores dos premios ao mellor cociñeiro e cociñeira de cogomelos de Galicia 2024, Antony Coari e María García, respectivamente.
O domingo 2 de novembro abrirá coa presentación a concurso das cestas de fungos na Praza de América. A xornada continuará coa entrega de premios do Concurso de Fungos As Pontes 2025 e do certame escolar “O Mundo da Micoloxía”.
Ese mesmo día terá lugar a degustación do menú micolóxico no patio do CEIP Santa María, que poderá tamén encargarse para levar. A música será de novo protagonista co concerto do grupo Jinetes el Trópico e, xa pola tarde, coa actuación da Asociación Donaire, que celebrará o seu 25 aniversario no Auditorio Municipal Cine Alovi e porá o punto final á Feira.
Durante os tres días da feira, tamén se poderán visitar a exposición de fotografía micolóxica no Parque Municipal Campo da Feira e a mostra dos traballos escolares do concurso “O Mundo da Micoloxía” na Casa Dopeso. Ademais, os establecementos hostaleiros da vila ofrecerán unha Ruta de Sabores baseada na gastronomía con cogomelos, contribuíndo a completar esta ampla e diversa programación de outono.
A XXXV Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes consolídase así como un evento de referencia en Galicia, que promove a educación ambiental, dinamiza a economía local e ofrece unha proposta cultural e gastronómica de primeiro nivel.