Comenzan no Pazo de Mariñán os Encontros Técnicos sobre Infraestruturas Verdes organizados pola Deputación da Coruña

O programa das xornadas, dirixidas a persoal técnico e administrativo das áreas de Medio Ambiente, Urbanismo e Planificación, buscan solucións viables e realistas para a integración de infraestruturas verdes nos espazos públicos e acadar un hábitat máis resiliente e inclusivo. Queremos ofrecer apoio técnico e espazos de formación e intercambio, que permitan aos concellos avanzar na planificación e implantación das infraestruturas verdes, convertendo a sostibilidade nun eixo real das políticas locais”, sinalou a deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, na inauguración dos encontros.

Comezaron este mércores 15 no Pazo de Mariñán a primeira das xornadas dos Encontros Técnicos sobre Infraestruturas Verdes, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar a habitabilidade dos espazos urbanos e reducir a vulnerabilidade ante os riscos climáticos. Inaugurouna a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, a quen acompañou o coordinador do proxecto, David Río.

“Con este encontros”, explicou García Rey na súa intervención, “queremos acompañar os concellos na súa transición cara a modelos máis sostibles e resilientes”. “Desde a área de Asistencia Técnica a Municipios», engadiu, “traballamos para ofrecer apoio técnico e espazos de formación e intercambio que permitan aos concellos avanzar na planificación e implantación das infraestruturas verdes, convertendo a sostibilidade nun eixo real das políticas locais”.

Para a deputada, “falar de infraestruturas verdes é falar de poñer a natureza a traballar connosco”. “É falar de crear”, abundou, “redes de espazos e solucións baseadas na natureza que melloran o territorio, preveñen riscos e fan que os nosos concellos sexan máis saudables e sostibles”. “Porque”, rematou, “só a través da cooperación entre administracións, universidades e profesionais seremos quen de facer delas unha realidade en toda a provincia”.

As xornadas

Concibidas coma un espazo de encontro e debate co obxectivo de superar os obstáculos prácticos na implantación de solucións baseadas na natureza (SbN), o programa dos encontros ofrece un enfoque realista e pragmático para responder ás dificultades que moitas veces lles impiden aos concellos levar a cabo proxectos de infraestruturas verdes.

As xornadas, que reúnen a persoas expertas de recoñecido prestixio, están dirixidas especialmente a persoal técnico e administrativo das áreas de Medio Ambiente, Urbanismo e Planificación das administracións locais, así coma a cargos políticos, entidades sociais e profesionais do sector. Abordarán, en tres sesións matinais, os seguintes temas:

15 de outubro: Innovación e visión de futuro.

21 de outubro: Financiamento e Planificación.

30 de outubro: Implantación e aplicación práctica, con exemplos concretos.

Na xornada de hoxe ofreceron a súa visión da situación Albert Cuchí (co relatorio “Religarse al territorio”), Javier González (“Planificación das infraestruturas verdes”) e Valerio González (“Infraestruturas verdes. Da estratexia á intervención física”). Tamén Sergio París (de CEIDA), Isabela Velázquez (Gea 21),  Daiane Trevisan (CETIM), Manuel Soto (UdC), Martiño Cabana (AGCT) e Antonio Tucci (Agricultura Rexenerativa), quen participaron nunha mesa redonda sobre innovación.

Lea también

Paradores lanza su campaña de otoño con habitaciones desde 80 euros para viajar a 49 establecimientos

Entre todos ellos se incluyen varios paradores gallegos, como el de Ferrol, Pontevedra, Ribadeo, Cambados, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *