O Concello das Pontes organiza unha nova edición do consolidado Concurso de Tapas “Saborea As Pontes”, que se celebrará do 16 ao 19 e do 23 ao 26 de outubro de 2025.
Durante dúas fins de semana consecutivas, a vila converterase nun auténtico escaparate gastronómico onde veciños e visitantes poderán degustar un total de trece tapas orixinais elaboradas polos establecementos hostaleiros do municipio, cun prezo único de 2,50 euros por tapa.
O horario do concurso será de 19:30 a 23:00 horas os xoves e venres, mentres que os sábados e domingos estará aberto tanto en horario de mediodía, de 12:00 a 15:00 horas, como por noite, de 19:30 a 23:00 horas.
Nesta edición participan os establecementos A Caseta do Parque coa súa tapa “Quinto Elemento”, Bar Safari-Safari D’Tapas D’Copas que presenta “Ondas do Norte”, Hotel Pontes do Eume con “Afumado de Omega 3”, Bar Excalibur con “Dúo Salvaxe”, Delapiccola As Pontes que propón “A Lareira de América”, A Fervenza de Somede con “A Bomba”, Cervecería Xardín que presenta “Celtaberri”, O Colador con “Os ponteses polo mundo adiante”, Cervecería O Medulio con “Desexo”, Segunda Cueva que ofrece “Freixó sen filtros”, A Taberna de Pancho con “Confitada e Perigosa”, Cafetería Trastoy 3 con “Atlántico en dúas miradas” e Cafetería- Cervecería Venus que participa con “Butá & Burguir”.
Todas as tapas presentadas optarán á “Mellor Tapa Pontesa 2025”, que será decidido por unha Comisión Oficial de Valoración integrada por un xurado profesional que valorará a presentación, o sabor, o servizo, o emprego de ingredientes locais ou de proximidade e a orixinalidade
Por outra banda, público poderá elixir a súa tapa favorita votando mediante cupóns físicos (seis establecementos) ou a través da aplicación COHEMPO (8 establecementos) que permitirán recoñecer “a tapa pontesa máis valorada polo público 2025” e a “a Tapa Wow 2025” que, neste último caso só se votará a través da app de Cohempo e na que se valorará a presentación visual da tapa, a estética e o coidado dos detalle e a súa capacidade para “impresionar”.
As persoas participantes que voten con tarxetas físicas optarán a seis premios de 200 euros, mentres que os votos realizados a través da aplicación poderán conseguir un premio especial de 600 euros, sumando un total de 1.800 euros.
Desde o concello das Pontes animan á veciñanza a participar nesta iniciativa que «ano tras ano consolidade como unha cita gastronómica imprescindible no calendario cultural e gastronómico da comarca e que representa unha oportunidade para apoiar a hostalaría local, descubrir novas creacións culinarias e gozar da mellor gastronomía nun ambiente de lecer».