A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, participou no acto de entrega da décima edición dos premios Ferrolterra Emprede, celebrado nas instalacións do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX). A rexedora local felicitou á Asociación Jóvenes Empresarios Ferrolterra (AJE), presidida por Yadira Tenreiro, e puxo en valor o gran papel que representan as emprendedoras e emprendedores no tecido empresarial desta comarca.

Ferreiro destacou a diversidade dos proxectos presentados a esta edición e que ela mesma valorou como parte do xurado desta convocatoria, que se reuniu antes do inicio da gala. A alcaldesa felicitou tamén a todas as persoas que presentaron os seus proxectos ás iniciativas emprendedoras e de xoven empresario “por dar un gran paso adiante e poñervos á fronte destas empresas que hoxe coñecemos máis polo miúdo”.
A alcaldesa, en referencia a todas e todos eles, subliñou que “sodes unha peza fundamental para que a nosa comarca continúe á vangarda no ámbito empresarial, co voso esforzo diario, a vosa dedicación e entrega a uns proxectos polos que no seu día apostastes e que hoxe se asentan firmemente, afianzándose ou abrindo camiño en sectores moi diversos”.
Finalmente, comprometeu o apoio ao colectivo dende o Concello de Narón. “Sodes fontes creadoras de emprego e innovación e, como tal, debedes contar con todo o apoio das administracións”, recalcou antes de felicitar aos premiados nesta gala e desexar un longo futuro ao emprendemento e moitos éxitos profesionais.