A Deputación da Coruña aproba un convenio tipo para facilitar a selección de arquitectos nos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación da Coruña aprobou na última sesión plenaria do 3 de outubro un modelo de convenio tipo de cooperación interadministrativa dirixido aos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, co obxectivo de facilitar a selección de persoal funcionario interino para postos de arquitecto e arquitecto técnico.

Fuente Diputación de A Coruña

A deputada de Asistencia a Concellos, Cristina García Rey, destacou que «esta iniciativa reforza o noso compromiso de asistencia técnica aos municipios de menor capacidade de xestión, facilitando o acceso a profesionais cualificados de maneira eficiente e coordinada».

Cobertura áxil e eficaz de postos técnicos

Esta iniciativa responde á necesidade básica de todos os concellos de cubrir de forma áxil e eficaz os postos de persoal técnico temporalmente vacantes. A formación dunha lista provincial, xestionada desde o Servizo de Asistencia Técnica a Municipios (SATM), permitirá optimizar estes procesos selectivos.

Marco legal e competencias

O convenio enmarcase nas competencias que teñen as deputacións para prestar asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente a aqueles que teñen menor capacidade económica e de xestión, segundo establece a lexislación de réxime local.

Así mesmo, apóiase na disposición adicional primeira da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que permite aos municipios, excepto os de gran poboación, encomendar a xestión material da selección do seu persoal funcionario interino e laboral temporal ás deputacións provinciais.

Funcionamento do sistema

Proceso de solicitude: Os concellos interesados deberán presentar a súa solicitude asinada pola alcaldía a través do procedemento SUBTEL, acompañada dun escrito que especifique as características do posto e a duración mínima da vinculación.

Xestión de candidatos: Unha vez recibida a solicitude, o SATM iniciará o proceso de chamamentos conforme ao Regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal da Deputación. As persoas candidatas disporán de dous días hábiles para aceptar ou renunciar ao posto.

Compromisos municipais: Os concellos comprométense a que o posto ofertado sexa a xornada completa ou, como mínimo, de tres días á semana, salvo acordo entre concellos limítrofes ou da mesma comarca que garantan conxuntamente a cobertura da xornada completa.

Vixencia e flexibilidade

O convenio terá vixencia anual, prorrogable automaticamente un máximo de catro anos, salvo renuncia expresa dalgunha das partes. Ademais, a sinatura do convenio non impedirá que os concellos poidan desenvolver en calquera momento os seus propios procesos selectivos se o estiman conveniente.

Lea también

Aida Fernández Ríos (CSIC), “Científica Gallega del Año” por la Real Academia Galega de Ciencias

Primera mujer en dirigir el Instituto de Investigaciones Marinas del CSIC, en 2015 ingresó como …