Maríán Ferreiro destaca a concesión de 6,5 millóns de euros de fondos europeos para proxectos do Plan EDIL Narón 2030 “Narón: As persoas primeiro”

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anunciou este venres que o Concello recibiu unha notificación da Dirección Xeral de Fondos Europeos na que se traslada a resolución provisional da convocatoria para a asignación de senda financeira FEDER 2021-2027 ao Plan EDIL Narón 2030 “Narón: As persoas primeiro”, por importe de 6.547.727 euros.

A rexedora local explicou que esa contía representa o 40% dos investimento a executar dende a administración local, de preto de 11 millóns de euros, e con cargo ao que se contemplan varios proxectos. Dende o Concello solicitáronse 15 millóns de euros, co que unha vez coñecida a subvención “traballaremos en priorizar, de todos os proxectos presentados, os que se acometerán con cargo a esta subvención, en función a numerosos criterios e, sobre todo, á súa necesidade”.

Ferreiro incidiu en que se trata “dunha excelente noticia para a nosa cidade en canto que nos permitirá acometer importantes actuacións que serían impensables con cargo exclusivamente ás arcas municipais”. Ferreiro asegurou que dende a administración local “continuaremos traballando para acadar novas achegas procedentes doutras administracións para seguir avanzando, construíndo cidade e, en definitiva, xestionando os fondos municipais, os europeos e calquera outros que poidamos solicitar co fin de investir no futuro da nosa cidade e, polo tanto, das nosas veciñas e veciños”.

A alcaldesa recalcou que “presentamos un total de oito proxectos que agora priorizaremos de cara á súa materialización”. Sobre os mesmos, avanzou que un dos presentados é o do colector de Río do Pozo a Freixeiro, que na actualidade presenta un importante deterioro e xera problemas graves como a infiltración de auga exterior na rede de residuais ou a de pluviais na rede de fecais, fugas… A renovación da condución e outras tarefas previstas permitirían solventar esta problemática nun trazado que segue o cauce do río Freixeiro dende o polígono de Río do Pozo ata a estrada de Castela.

A rehabilitación do muíño das Aceas é outra das propostas do grupo de goberno. O muíño de mareas, do século XVIII é un dos edificios máis emblemáticos da cidade e forma parte do patrimonio municipal pero está pendiente dunha rehabilitación integral. A materialización do proxecto permitiría poñer en valor esta construción, ao igual que se fixo xo muíño de Xuvia, tal e como recordou Ferreiro, que tamén se cofinanciou con cargo a fondos europeos (EDUSI) e da administración provincial, a maiores de fondos propios do Concello.

Outro dos proxectos presentados é a senda da ría entre o Club de Remo e O Couto, para recuperar terreos na zona costeira, habilitar espazo peatonal, carril bici… e, en definitiva, promover un estilo de vida máis saudable e activo nun entorno de gran valor paisaxístico.

Ferreiro quixo tamén destacar publicamente “o papel que xogaron todas as persoas que durante moitos meses estiveron traballando dende o Concello para que puidésemos optar a estas axudas en tempo e forma” e recalcou que a concesión das mesmas supón “unha oportunidade moi importante para esta cidade”.

Lea también

El Club de Golf Campomar acoge la ‘Ruta do Viño 2026’

El Club de Golf Campomar acogió esta semana la primera prueba del circuito de La …