A concelleira de Bibliotecas de Narón, Olga Ameneiro, presentou as actividades que ao longo deste mes se celebrarán na cidade con motivo do Mes da Biblioteca.
Trátase de cinco propostas, dirixidas a públicos de diferentes idades, e que terán lugar nas instalacións da Biblioteca municipal dende o 11 ata o 25 deste mes, ambos incluídos. A primeira das citas será o día 11, xornada na que con motivo do centenario do nacemento de Ana María Matute e coincidindo coa celebración do Día das Escritoras organizouse unha actividade infantil moi especial, “Coñecendo a Ana María Matute”.
A partir das 11:00 horas as nenas e nenos poderán achegarse a través desta proposta á figura desta autora, partindo dun dos seus contos, El saltamontes verde, sobre a amizade e o respecto pola natureza. A actividade está pensada para menores a partir de 4 anos e incluirá unha narración oral adaptada e unha dinámica creativa na que cada participante poderá desenvolver a súa expresión artística.
Os nenos e nenas coñecerán algunhas anécdotas da vida da autora e para poder participar deben reservar praza a partir do vindeiro martes, día 7 de outubro, ás 16:00 horas, chamando por teléfono á Biblioteca municipal (981 382 173) ou de xeito presencial nas propias instalacións. O sábado 18 de outubro terá lugar a proposta “Da cabeza aos pés”, unha sesión de contos para bebés de 6 a 36 meses.
A partir das 11:00 horas a narradora Charo Pita traerá este espectáculo no que cada parte do corpo conta a súa historia, ten o seu ritmo e o seu xogo. Contos, brincadeiras, rimas e cancións para exploar, rir e compartir momentos de conexión e descubrimento entre os bebés e as persoas adultas que os acompañarán.
A participación na actividade require tamén inscrición previa, podendo facelo a partir do martes 14 de outubro, ás 16:00 horas, de xeito presencial ou chamando á Biblioteca. A celebración dos actos do Mes da Biblioteca inclúe dúas novas xornadas de visitas guiadas á Biblioteca municipal e á Axenda de lectura da Gándara.
No caso da Biblioteca serán o xoves 23 de outubro, de 11:00 a 12:00 para público adulto e de 18:00 a a 19:00 para público xeral e no da Axencia de lectura da Gándara o día 24 deste mes de 17:30 a 18:30 horas. Para participar hai que reservar praza a partir do 17 deste mes ás 9:30 horas, de xeito presencial ou chamando á Biblioteca municipal. Os espectáculos chegarán de novo o día 24 deste mes á Biblioteca, xornada na que pola tarde, ás 19:30 horas, comezará Contos arredor de nós, unha proposta de narración oral para público xuvenil e adulto.
A narradora Alba Grande mesturará contos, cantigas e tradición oral para recuperar voces silenciadas, recordar loitas e recoñecer a forza e a intelixencia das mulleres que nos precederon. Neste caso non e necesario reservar praza, polo que a entrada é libre ata completar o aforo dispoñible. O segredo da Biblioteca é a última das propostas desta programación.
Será o día 25 a partir das 11:00 horas e consistirá nun espectáculo teatral interactivo para menores a partir de 3 anos no que se misturarán fantasía, emoción e moitos libros.
A protagonista da historia é Iria, unha moza que atopa unha chave misteriosa e que tras abrir unha porta segreda descobre que está nunha biblioteca chea de libros que falan. Para poder participar é preciso ter cumpridos os 3 anos e reservar praza a partir do martes 21 de outubro ás 21:00 horas na Biblioteca municipal.
A actividade celébrase ao dia seguinte do Día Internacional das bibliotecas, que se conmemora cada 24 de outubro, co fin de poñer en valor o seu papel como espazos abertos, de acceso á información, á cultura e á liberdade de pensamento.
A concelleira naronesa animou ós veciños a desfrutar desta programación e a coñecer máis polo miúdo, no caso de que o desexen, as instalacións tanto da Biblioteca como da Axencia de lectura da Gándara.