A Deputación da Coruña abreu as inscricións do Curso Oficial de Guía-Intérprete (120 horas), unha formación especializada dirixida a profesionais e persoas emprendedoras do sector turístico, así como a outros profesionais con interese en traballar no territorio. O curso celebrarase do 6 de outubro ao 3 de decembro de 2025, en dúas edicións simultáneas: Edición 1 (mañá) e Edición 2 (tarde).

A proposta combina modalidade mixta (Moodle + sesións en directo por Zoom+ clases presenciais) con cinco prácticas de campo (6 horas cada unha) nos principais puntos de interese do Xeoparque. Ao remate, as persoas participantes obterán certificado oficial de 120 horas.
Trátase dunha formación moi aplicada, que pon o foco na calidade do guiado e na interpretación do patrimonio xeolóxico, natural e cultural con criterios de sostibilidade, accesibilidade e seguridade.
Contidos principais
Xeoturismo e Ecoturismo: claves para un turismo responsable no marco UNESCO.
Patrimonio do Xeoparque: xeoloxía, biodiversidade, paisaxe e cultura local.
Interpretación do patrimonio e guiado: discurso, comunicación e xestión de grupos.
Seguridade e accesibilidade: planificación de rutas e boas prácticas ambientais.
Emprendemento e comercialización: nocións básicas para ofrecer servizos guiados.
Prazas e selección
O curso ofrece 20 prazas por edición (mañá/tarde). A admisión realizarase segundo as http://Bases de selección , que valoran vínculo co territorio, experiencia, formación, idiomas e motivación. O programa poderá suspenderse se existen menos de 11 solicitudes válidas por edición.
Inscrición
As inscricións están abertas a través do formulario online (consultar Bases no propio formulario):
http://FORMULARIO DE INSCRICIÓN CURSO GUÍA INTÉRPRETE CABO ORTEGAL
http://BASES DE SELECCIÓN CURSO GUIA-INTÉRPRETE XEOPARQUE CABO ORTEGAL
Financiamento e entidades
A Deputación da Coruña financia esta iniciativa, a través do PSTD Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal. Financiado con Fondos do PRTR Next GenerationEU, co obxectivo de promover a profesionalización do sector e poñer en valor o talento local así como os recursos turísticos do territorio.