Os centros de ensino de Narón poden solicitar ata o 3 de outubro as actividades que se ofertan dende o Concello para levar a cabo no horario lectivo. Así o recordou a concelleira responsable da área, Olga Ameneiro, que recordou que se trata dun obradoiro de convivencia esscolar e prevención do acoso, obradoiros de prevención de adiccións tecnolóxicas e consumo responsable das novas tecnoloxías e un terceiro obradoiro de nutrición saudable e de trastornos da conduta alimentaria.

O obradoiro de convivencia escolar e prevención do acoso nos centros de ensino e coas familias consta de sesións grupais ou individuais para o alumnado e obradoiros para profesorado e para familias, de dúas horas de duración en cada un destes últimos casos. Aposta por fomentar habilidades comunicativas asertivas que axuden a crear un clima positivo nos centros.
No caso do obradoiro de prevención de adiccións tecnolóxicas e consumo responsable de novas tecnoloxías, trátase de obradoiros de dúas horas de duración para familias e tres sesións dunha hora por grupo de alumnado ou un obradoiro para profesorado de dúas horas. O obradoiro de nutrición diríxese a educación infantil, primaria e secundaria e ten entre os seus obxectivos promover hábitos alimenticios saudables e unha relación equilibrada coa comida e coa imaxe corporal. As sesións grupais co alumnado nas aulas terán unha duración dunha hora e cada obradoiro consta de tres sesións por grupo-aula.
En todos os casos pódese consultar a información na web: buscoactividade.naron.gal e tamén dispoñen nesa dirección do formulario de solicitude dos obradoiros. Para solicitalas é preciso enviar un mail a m.carrodeguas@naron.gal.
Para máis información tamén se pode contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1122, 1108 e 1109) ou escribir un correo electrónico á dirección: omix@naron.gal