A parroquia de Sedes, Narón, acolle a XXIV Feira do mel e produción primaria

O recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, acolle este domingo 5 de outubro unha nova edición, a trixésimo cuarta, da Feira do mel e produción primaria. A edil de Feiras, Mar Gómez, e o delegado da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra, Rafael Díaz, presentaron a convocatoria.

A feira contará cunha trintena de postos de venda de mel, queixo e outros produtos e abrirá de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, con entrada de balde. Na convocatoria participarán un ano máis varios gañadores do prestixioso certame “Mel Cinco Estrelas”-entre eles algúns veciños de Narón e doutros puntos de Galicia- o que suporá contar cunha inmellorable representación do mellor mel galego, segundo indicou Díaz.

Dende AGA alertaron sobre o importante descenso na produción debido á proliferación da avespa velutina nesta zona. A feira abrirá ás 11:00 horas e ás 12:00 haberá un relatorio técnico, “Chegar e encher”, que impartirá o patrón maior da Confraría de Pescadores de Ferrol. Ás 12.30 horas dará comezo unha demostración culinaria e degustación de produtos do mar, a cargo da citada confraría e ás 13:00 desenvolverase outra de elaboracións con mel.

A continuación, entre as 13:30 e as 14:00 haberá unha sesión vermú e ata as 16:00 pecharase o recinto. Pola tarde reabrirá a feira ás 16.00 horas e ás 18:00 haberá un novo relatorio técnico, neste caso sobre “Como evitar o risco da avespa asiática no rural”, a cargo de Rafael Díaz, técnico apícola de AGA. Ás 19:00 haberá un magosto popular.

Durante todo o día, a media mañá e a media tarde, haberá obradoiros infantís para elaborar produtos con cera, de debuxo…. A maiores, ao longo da xornada levaranse a cabo degustacións de balde de pan e queixo do país con mel Cinco estrelas (de 12:00 a 13:00 e pola tarde dende as 17:00 ata as 19:00 horas). Así mesmo, haberá actividades divulgativas durante todo o día no posto informativo de AGA e sortearanse cestos con produtos da feira entre as persoas asistentes.

A concelleira de Feiras animou ós veciños a achegarse ao recinto do Trece este domingo para desfrutar desta feira, participando nas actividades, nos obradoiros e tamén escoitando os relatorios de profesionais no sector do mel e da alimentación. Gómez avanzou que a maiores dos postos de venda de mel haberá outros de alimentación e artesanía.

Lea también

A proxección da película “Ed Wood” abre no Pazo da Cultura de Narón o ciclo de cine “Historias extraordinarias”

O Concello de Narón e o Cineclube Serie B organizaron un novo ciclo de cine, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *