Narón iniciará os trámites para integrar ao CIMIX no sistema galego de Centros museísticos

O Concello de Narón iniciará os trámites para crear e cualificar o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) como Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural e integralo no sistema galego de Centros museísticos. Así se acordou no pleno celebrado na mañá desde xoves no Concello, co respaldo unánime da corporación. A través desta incorporación o centro poderá optar a convocatorias de axudas autonómicas a través do Consistorio.

Pleno Narón

Na convocatoria saíu adiante por unanimidade a declaración de especial interese e utilidade municipal das obras de instalación fotovoltaica no lugar do Cruceiro.

Así mesmo, aprobouse a prórroga do terceiro Plan de Igualdade de Narón, que se manterá en vigor durante dous anos máis co fin de reforzar as liñas que foron desenvoltas en menor medida e abundar nas actuacións que foron máis exitosas, sen necesidade de introducir modificacións nin novas liñas de traballo, tal e como se contempla no documento abordado no pleno.

Na sesión aprobouse inicialmente o regulamento de actividades de conciliación en períodos de vacacións escolares desenvolvidas polo servizo sociocomunitario municipal e cuxos requisitos se establecerán nas bases das diferentes convocatorias. O acceso ás diferentes actividades terá deste xeito unha seguridade xurídica. Así mesmo, aprobáronse inicialmente a modificación do regulamento de participación cidadá do Concello e tamén o regulamento do arquivo municipal do Concello, sobre os que non se presentaron alegacións aos respectivos borradores das disposicións publicados e sometidos aos trámites de audiencia e información públicas.

Os catro grupos políticos da corporación local levaron ao pleno unha declaración institucional ante a catástrofe humanitaria causada polo brutal ataque do estado israelí á poboación palestina de Gaza. Unha declaración que responde á proposta achegada ao Consistorio pola organización Amnistía Internacional. A través da mesma o Concello pide, entre outras medidas, o cese do fogo inmediato para protexer a vida da poboación civil en Gaza; que as autoridades israelís deixen de cometer actos prohibidos na Convención contra o xenocidio contra a poboación palestina de Gaza, que Hamás e outros grupos armados en Gaza liberen de inmediato ás persoas civís, que a UE exerza o seu poder e influencia a favor dos dereitos humanos… Sobre esta declaración, dende o BNG remarcaron na sesión plenaria que “hai acordos que non compartimos”.

No apartado de mocións aprobáronse dúas do PP: unha delas para acometer actuacións urxentes no Camiño da Cruz do Puso, na parroquia de Doso, e outra sobre o estado do cemiterio municipal de Narón. A maiores, tamén saíron adiante as mocións do PSOE reclamando o mantemento das condicións económicas do servizo de Envellecemento activo e reclamando un SAF digno en Narón. Tamén se aprobaron as dúas mocións presentadas polo BNG, unha para a defensa do sistema público de atención á dependencia e mellora do SAF e outra solicitando unha oficina do SEPE en Narón.

Lea también

Club Arco Narón obtiene muy buenos resultados en la III jornada de la Liga galega indoor

Gran cosecha de podios para los deportistas de la Escuela Deportiva Municipal de Narón de …