A Deputación da Coruña acolle na Residencia do IES Rosalía Mera a 15 menores refuxiados da guerra de Mali

O acollemento realízase en colaboración coa Secretaría de Estado de Migracións e a ONG Ecos do Sur. A Deputación xa acolleu no IES Rosalía Mera a refuxiados da guerra de Yugoslavia nos 90 e da guerra de Ucraína.

A Deputación da Coruña acolle desde esta semana na Residencia do IES Rosalía Mera da Coruña a 15 menores refuxiados da guerra de Mali, un conflito que está a provocar unha grave crise humanitaria no continente africano. A acollida prodúcese tras o auto do Tribunal Supremo que lles outurga o acceso e permamencia no Sistema Nacional de Acollida de Protección Internacional.

Trátase de nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos que chegan a Galicia no marco do Sistema de Acollida de Protección Internacional do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, nun dispositivo de emerxencia coordinado coa Secretaría de Estado de Migracións e coa colaboración da entidade social Ecos do Sur, federada da Red Acoge.

A institución provincial pon así a disposición da rede estatal de acollemento un dos espazos rehabilitados da antiga residencia Rosalía Mera, que foi adaptado para prestar atención temporal e integral a estes menores, ofrecéndolles aloxamento, manutención, apoio psicolóxico e acompañamento social.

«A acollida destes menores é un deber ético e moral. Galicia sempre foi terra de acollida e non podemos mirar para outro lado ante o drama que viven miles de nenos en países como Mali», sinala o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que anunciou unha próxima visita ao centro e agradeceu o labor da ONG Ecos do Sur e da Secretaría de Estado de Migracións, así como a colaboración do equipo directivo do IES Rosalía Mera.

A Deputación da Coruña reafirma con esta acción o seu compromiso histórico coa defensa dos dereitos humanos e coas persoas desprazadas por conflitos bélicos. A institución provincial acolleu tamén persoas refuxiadas da guerra de Iugoslavia nos anos 90 e, máis recentemente, a familias ucraínas desprazadas pola invasión rusa.

A Deputación facilitará o espazo, os subministros, conexión a internet, servizos de limpeza e lavandería, así como actividades deportivas e de lecer para os menores. A atención directa correrá a cargo do equipo profesional da entidade Ecos do Sur, que ofrecerá un servizo permanente as 24 horas, os sete días da semana.

Lea también

La Xunta activa el plan sanitario de invierno ante el incremento de la onda epidémica de la gripe A

La Xunta acaba de activar el Plan sanitario de invierno 2025/2026 dado el inicio precoz …