Fene acollerá este venres e o sábado 27 dous dos espectáculos do Festival Internacional de Entes Animados 2025 que se está a desenvolver en 8 concellos da bisbarra (Ares, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño) ao longo da segunda quincena do mes de setembro.
A primeira función, o venres 26, será ás 20 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Fértil Cultural (Portugal) co espectáculo “Eu é que conto”. O sábado 27, o certame trasladarase ao local da AVV de Limodre, tamén ás 20.00 horas, coa función de “La muerte de Don Cristobal”, da compañía Pelele (Francia). Ámbalas dúas sesións serán con entrada libre e de balde até completar o aforo.
“Eu é que conto”, o espectáculo que se representa este venres (20.00 horas) na SCRD Agarimo de Sillobre, ten como protagonista a “unha señora que colecciona libros e que vén contar unha historia. Moi distraída, chega tarde, tropeza con todo e, sen querer, entra noutra dimensión: a da imaxinación. Confusa e con outros personaxes invadíndoa, constrúe unha historia diferente, divertida e creativa. Baseada nos contos dos Irmáns Grimm e nos contos tradicionais portugueses, esta señora ofrécenos un momento sorprendente de teatro”.
O sábado 27, o Festival Internacional de Entes Animados terá unha nova cita en Fene, no local da AVV de Limodre (20.00 horas), coa peza “La muerte de Don Cristobal”, a cargo da compañía Pelele (Francia).
Neste caso, “seguindo a técnica tradicional mediterránea dos monicreques, pero incorporando un ritmo e unha estética máis próximos aos debuxos animados, conta a historia universal da vontade de vivir, onde o humor, a enerxía e a caricatura transcenden o medo e a violencia”. O protagonista, Don Cristobal, é “un ser avaricioso, feo, malvado e sen escrúpulos, que só vive para seguir aumentando a súa xa considerable fortuna. Pero o seu pobre, celoso e moito máis feo servo inventará mil e un plans para asasinalo, cortalo en anacos e, finalmente, apoderarse da súa inmensa fortuna”.