Inscrición en Narón nun curso de PRL, PRL e Medio ambiente no sector naval e PRL en espazos confinados e traballos en altura

A concelleira de Formación de Narón, Natalia Hermida, anunciou a apertura este mércores 24 do prazo de inscrición nun curso de Prevención de riscos laborais, Prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval e Prevención de riscos laborais en espazos confinados e traballos en altura.

A convocatoria diríxese a un máximo de vinte persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben poden apuntarse persoas desempregadas maiores de 18 anos doutros concellos que accederán á acción formativa no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas de Narón.

A duración do curso será de 107 horas -92 de Prevención de riscos laborais e quince máis de módulos adicionais-, que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, en horario de mañá. Está previsto que o curso se desenvolva do 7 de outubro ao 6 de novembro deste ano.

As persoas interesadas en anotarse poderán facelo dende o citado mércores ás 8.30 horas ata o día 30 de setembro ás 13.00 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Conceptos básicos sobre a seguridade e a saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa, primeiros auxilios, prevención de riscos no sector naval, medio ambiente no sector naval, prevención de riscos laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados… forman parte dos contidos que se abordarán nesta acción do Programa Municipal de Formación.

A edil naronesa explicou que se trata dun itinerario completo –hai que realizar todo o curso- e que se programou en base ás esixencias sobre estas materias para os traballadores das compañías que operan no sector naval.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e as persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

A proxección da película “Ed Wood” abre no Pazo da Cultura de Narón o ciclo de cine “Historias extraordinarias”

O Concello de Narón e o Cineclube Serie B organizaron un novo ciclo de cine, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *