Valdoviño acolle dúas das propostas do Festival Internacional de Entes Animados

A concellería de Cultura reserva para o alumnado do CPI Atios o espectáculo “O urso que nâo era” da compañía lusa de Márcia Leite. A segunda función, “O Cabaleiro sen Cabalo”, a cargo da compañía  arxentina Pizzicatto, celebrarase o domingo ás 12:30 horas na Porta do Sol.

“O Cabaleiro sen Cabalo”

O Festival Internacional de Entes Animados  chegará esta semana a Valdoviño con dúas novidosas propostas da compañía portuguesa de Márcia Leite, «O urso que nâo era», e da arxentina Pizzicatto, «O Cabaleiro sen Cabalo».

A primeira está reservada para o alumnado do CPI Atios, e celebrarase este venres 26 ás 12:30 horas no anfiteatro da casa da cultura -en caso de choiva, trasladaríase ao auditorio-.

A segunda, aberta ao público en xeral, terá lugar o domingo 28 ás 12:30 horas na Porta do Sol, espazo que acollerá neses momentos o tradicional feirón do último domingo de mes.

«O urso que nâo era» é unha peza de teatro de obxectos inspirada no libro homónimo de Frank Tashlin.

“O urso que nâo era”

Nela, abórdanse os cambios que teñen lugar durante a hibernación dun oso, establecendo unha analoxía deste momento cos tempos actuais, cunha crítica velada á perda de identidade, á indiferenza, á rutina, á contaminación e á destrución da natureza, e unha invitación á reflexión.

Pola súa banda, «O Cabaleiro sen Cabalo» ofrecerá unha historia de acción e disparates en tempos medievais que se remonta a unha época máxica chea de misteriosos seres e castelos encantados.

A personaxe principal, no seu errante camiño, vive fantásticas aventuras que compartirá co público.

Valdoviño convértese así nun dos escenarios do Festival Internacional de Entes Animados. Este proxecto cultural, que arrincaba o pasado 19 de setembro, está impulsado polos concellos de Ares, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Mugardos e Neda, ademais de Valdoviño, e inclúe no seu conxunto 21 funcións ata o 28 de setembro.

Os espectáculos son de balde, e a dirección técnica do festival recae en Plamen Dipchikov.

Lea también

Dos ponteses firman el cartel que representará la imagen del Festival Intl. do Mundo Celta de Ortigueira

La obra, “Romaría”, elaborada por Juan Prieto y Joseba Silvent, vecinos del Ayuntamiento de As …