Ferrolterra acolle 26 actuacións escénicas e musicais ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A carteleira do circuíto, promovido pola Xunta de Galicia, ofrece catro novas funcións en Ferrol, tres en Ortigueira, 11 en Narón, seis nas Pontes de García Rodríguez e dúas en Cedeira.

Teatro de Beneficencia de Ortigueira coa comedia Esas cousas marabillosas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Xunta en 43 entidades locais de toda Galicia, ofrece ata final de ano 26 novas actuacións escénicas e musicais en cinco concellos da área de Ferrolterra. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe así á programación cultural de Ferrol, Ortigueira, Narón, As Pontes de García Rodríguez e Cedeira, que neste segundo semestre de 2025 acollen unha ampla escolma de propostas de teatro, danza, música ou circo.

A primeira función desta carteleira tivo lugar este venres no Teatro de Beneficencia de Ortigueira coa comedia Esas cousas marabillosas, que a compañía galega Empatía Teatro representou. O 27 de setembro a cita é coa maxia do Mago Paco e o seu espectáculo Hocus Pocus e o 18 de outubro coa danza e a proposta Credo, de Nova Galega de Danza.

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Jofre de Ferrol comezou onte sábado, co espectáculo Os yugoslavos, con texto e dirección de Juan Mayorga e as actuacións de Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Natalia Hernández e Alba Planas. As outras tres funcións enmarcadas no circuíto autonómico son Dance Join, de Marta Alonso Tejada, o 11 de outubro; Noso, de Os Náufragos, o oito de novembro, e o concerto de Catuxa Salom, o 14 de novembro.

O Pazo da Cultura de Narón ofrece un completo programa teatral a partir de outubro. Os días tres e catro dese mes haberá funcións de Un deus salvaxe, de Talía Teatro; os días 17 e 18 será a quenda de Camino a la Meca, con Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla sobre as táboas, e o 25 chegará Apaga o candil, de Contraproducións.

Estrea de Teatro do Noroeste

Xa en novembro, poderán verse as montaxes Non pasarán, de Ártika Cía., o día 15; A metamorfose, de Sarabela Teatro, o día 22, e Os dous de sempre. O regreso, de Mofa e Befa, o día 29. Finalmente, en decembro Narón acollerá a estrea do novo espectáculo de Teatro do Noroeste, Manual de patronaxe, con dobre función os días cinco e seis. Con texto de Nerea Brey, 18º Premio Abrente da MIT de Ribadavia, e dirección de Clara Gayo, esta peza de autoficción conta coa axuda á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais. A carteleira naronesa dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios rematará o día 13 de decembro co concerto Axúdame a sentir de Xabier Díaz  & Adufeiras de Salitre.

As Pontes de García Rodríguez e Cedeira son os outros dous municipios de Ferrolterra que tamén acollen representacións escénicas no marco deste circuíto da Xunta. Nas Pontes, a carteleira arranca o 10 de outubro con TROMSØ, de Morraoconto. Nese mesmo mes, poderán verse outros espectáculos de compañías galegas: O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, o día 17; Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro, o día 24; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, tamén o día 24, e As fillas bravas de Momán, de Chévere, o día 31. A programación pecharase o 28 de novembro co concerto de Gallaecia Small Band.

Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Cedeira recibe en novembro dúas pezas de danza: Coa cabeza nas nubes, de Cía. SÖA, o venres 7, e Para que non me deixes aquí soa, de Julia Laport, o venres 14.

Os Yugoslavos no teatro Jofre de Ferrol . Foto- Lucía Romero

560 funcións en Galicia

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M€, que achegan a Xunta e as entidades locais asociadas para programar 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias.

Este investimento destínase integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos en Galicia.

Lea también

Cerca de 220 personas participaron en el escape room al aire libre “Tesoros de Neda”

La iniciativa forma parte del proyecto Xogal, impulsado por Seitura 22 y otros tres GDR, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *