A Xunta anima os mozos de Ferrolterra a participar nunha nova edición do ‘Xuventude Crea 2025’

A delegada territorial de Ferrol acudiu ao IES Terra de Trasancos, en Narón, onde informou aos alumnos de Bacharelato sobre as bases do certame convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, animou este mércores aos alumnos de Bacharelato do IES Terra de Trasancos, de Narón, a presentarse ao certame Xuventude Crea 2025, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para que os mozos e mozas de Galicia de entre 16 e 30 anos poidan mostrar o seu talento artístico, á vez que se fomenta a innovación e a creatividade.

A convocatoria conta este ano con 16 categorías -artes plásticas (modalidades de pintura e escultura), fotografía, moda, deseño de xoias, arte urbana, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, creación de videoxogos, poesía, danza moderna, teatro, DJ e creación de contido-.

Aneiros destacou o aliciente económico do certame que establece premios en metálico de 2.000, 1.500 e 1.000 euros, respectivamente, para os tres primeiros clasificados en cada disciplina, así como un premio especial de 1.000 euros para a modalidade de música clásica, dentro da especialidade de música. Tamén poderanse outorgar mencións de honra a aquelas obras que consigan chegar á fase final.

Ademais explicou que os gañadores terán a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ademais de participar en importantes eventos de referencia no sector artístico, tanto de carácter autonómico, nacional e internacional, onde poderán expoñer as súas obras e difundir o talento da mocidade galega.

As persoas interesadas en participar no Xuventude Crea 2025 teñen de prazo ata o 29 de setembro para presentar as súas obras a través da sede electrónica da Xunta.

 

Lea también

Rueda destaca en Ferrol que limitar el uso de los móviles ha tenido un «efecto positivo» en el alumnado

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, ha destacado que limitar el uso de los …