Unha trintena de anticuarios en Narón danse cita na Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage

O pavillón da Mocidade, na Gándara, Narón, acolle esta fin de semana, sábado e domingo, a sexta edición da Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage. A concelleira Feiras, Mar Gómez, informou que participarán no evento unha trintena de anticuarios chegados de diferentes localidades e recordou que a entrada é de balde.

A feira permanecerá aberta ao público de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas en ambas xornadas. As persoas que se acheguen ao evento poderán ver unha gran variedade de artigos de coleccionistas locais, da comarca de Ferrolterra, e outros procedentes de comunidades como Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela León e mesmo doutros países como Portugal (Oporto).

A exposición contará cunha superficie de 1.200 metros cadrados, nos que se poderán ver moedas antigas, mobiliario, libros, pezas de decoración, selos, discos… A concelleira de Feiras recalcou que “este é un dos eventos máis concorridos da cidade, que dende o primeiro ano recibiu unha gran cantidade de visitas e que supón tamén unha moi boa oportunidade para os coleccionistas que participan, tal e como nos trasladaron en anteriores ocasións”.

A concelleira destacou o labor da Asociación Ferro Vello “por ofrecernos todas as facilidades á hora de poder convocar este evento na cidade” e animou ós veciños interesados nas antigüidades e nos artigos para coleccionistas e vintage a achegarse esta fin de semana ao Pavillón da Mocidade.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …