As Pontes aproba a primeira RPT para mellorar as condicións do persoal e reforzar servicios públicos

O Pleno do Concello de As Pontes aprobou cos votos a favor do PSOE e o PP e abstención do BNG, a primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) da historia do municipio, un documento esencial para modernizar a estrutura da administración local, ordenar funcións e responsabilidades e garantir unhas condicións laborais máis xustas para o conxunto do persoal municipal.

Durante a sesión plenaria ordinaria, a concelleira responsable da área, Ana Pena apuntou que “o Decreto 5/2015 fixou a obrigatoriedade de que todas as administracións públicas conten cunha RPT. Ata agora As Pontes non dispoñía deste instrumento, a pesar dos distintos intentos realizados nos últimos anos. Coa aprobación deste documento cúmprese unha demanda histórica tanto do persoal como dos sindicatos, que participaron no proceso de negociación colectiva”.

A nova RPT permitirá equiparar categorías, reducir desigualdades salariais moi pronunciadas e recoñecer funcións e responsabilidades que ata o de agora non estaban debidamente recollidas. Así, establécense melloras salariais que oscilan entre o 3,4% e o 6,6%, garantindo unha distribución máis equilibrada e digna.

Pola súa banda, o rexedor local, Valentín González Formoso, sinalou que “hoxe é un día moi importante para o Concello das Pontes. A aprobación da primeira RPT supón dar resposta a unha necesidade histórica: ordenar a administración local, mellorar as condicións laborais do persoal e, ao mesmo tempo, reforzar a calidade dos servizos que prestamos á nosa veciñanza. O noso obxectivo é que esta ferramenta sirva para crear unha administración máis moderna, eficiente e próxima, capaz de responder ás demandas actuais e futuras da cidadanía.”

O rexedor destacou ademais que a RPT permitirá consolidar un cadro de persoal estable, profesionalizado e mellor organizado, reforzando áreas prioritarias e asegurando que todos os traballadores conten cos recursos necesarios para desenvolver o seu labor con garantías.

Lea también

Un hombre apuñala en un brazo al dueño de la vivienda que ocupa ilegalmente en As Pontes al cortarle una conexión de luz ilegal

La Guardia Civil mantiene abierta una investigación contra un hombre acusado de agredir con un …