Unhas 850 persoas participan en Narón nas actividades do programa de Envellecemento Activo

A pasada semana comezaron a impartirse as actividades do programa municipal de Envellecemento Activo, nas que este ano participan preto de 850 maiores, tal e como informou a concelleira de Benestar Social de Narón, María Lorenzo

As sesión impartiranse ata finais de xuño do vindeiro ano no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros; no Centro de Maiores das Vivendas da Mariña e nos centros cívicos sociais de Doso, Freixeiro, O Val, Castro, Pedroso, Piñeiros, San Mateo, San Xiao, Santa Icía, Sedes, Xuvia, Alto do Castiñeiro e nas instalacións da AVV Virxe do Mar.

A través deste programa municipal ofrécense clases de ioga, pilates, memoria, ximnasia rehabilitadora, labores, apoio á informática, lectura e escritura, o obradoiro enredamos, cancións de animación e a iniciativa acompañándonos na soidade bailes de animación, redes sociais e internet, cantos de taberna e manexo do móvil.

As diferentes propostas desenvólvense en horario de mañá ou tarde e de luns a venres, en función da ubicación elixida. O programa de Envellecemento activo oferta múltiples actividades dirixidas inicialmente ás persoas maiores de 60 anos empadroadas en Narón, aínda que sempre que quedan vacantes se abre a opción para que poidan acudir as maiores de 60 empadroadas noutros concellos ou menores que cumpran os requisitos establecidos, tal e como recordou a edil de Benestar Social.

No caso do programa comunitario, non se fixa o requisito da idade, tratándose de propostas de carácter interxeracional, abertas á cidadanía en xeral. “É unha moi boa nova o feito de que máis de 800 persoas se sumen a este programa municipal a través do que queremos ofrecerlles unha serie de propostas cunha temática moi variada nas que poidan aprender e divertirse ao mesmo tempo”, asegurou María Lorenzo.

A concelleira naronesa destacou a variedade da oferta de actividades que se ofrecen e tamén o feito de poder desenvolvelas en diferentes espazos municipais da zona urbana e rural, “facilitando así a asistencia daquelas persoas interesadas en acudir evitando grandes desprazamentos dos seus lugares de residencia”.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …