O exitoso calendario ciclista anual que organizan o Concello e Biela e Chaveta vai finalizar o venres 19 de setembro coa Ruta BTT nocturna que sairá ás 21:00 horas do CPI de San Sadurniño.

Haberá dous percorridos: un de dificultade baixa de 19 km e outro de dificultade media de 22 km, ambos por pistas, camiños e corredoiras do concello. Ofértanse 125 prazas para idades dos 8 anos en diante, que se poderán reservar gratis ata as 14:00h do 17 de setembro a través deste formulario. A cita forma parte do programa “Venres en Sansa!”, que o Concello vai recuperar programando un evento distinto cada mes, sempre en venres.
Os “Venres en Sansa!” foron unha iniciativa de lecer alternativo dirixida á mocidade de entre 12 e 35 anos -aínda que aberta a calquera idade- que botou a andar ás portas do verán de 2015 e que se mantivo de maneira continuada durante catro edicións, até 2019. A pandemia interrompeu a experiencia e despois de 2020 o Concello planeou reactivala en varias ocasións pero nunca se chegou a concretar.
Agora a idea é retomar estes venres de actividades inicialmente unha vez cada mes, aínda que con idea de ir ampliando a súa frecuencia e de maneira desestacionalizada. De feito, este programa empezou concentrándose entre finais de maio e mediados de xuño e nas súas últimas edicións xa se repartía en tres venres de xuño, setembro e outubro ofertando ata cinco actividades cada día, como por exemplo paintball, cociña creativa, drons, malabares ou unha ruta nocturna en BTT que vai ser, precisamente, a actividade elixida para recuperar a proposta.
Esta nova xeira dos Venres en Sansa protagonizada polas bicis de montaña vai desenvolverse o venres 19 de setembro e nela van poder participar ata 125 ciclistas a partir dos 8 anos. Da organización ocúpase o Club MTB Biela e Chaveta, que xa distribuiu a cartelaría do evento hai varias semanas, ademais de ter a punto os circuítos que se van poder completar, parte deles coincidentes cos preparados para a cuarta BTT celebrada o último domingo de xuño.
O percorrido é de dificultade media e ofrece dúas distancias: unha máis doada de 19 quilómetros totais e un desnivel acumulado positivo de 462 metros e outra algo máis longa e un chisco máis complexa de 22 quilómetros e unha altimetría de 479 metros. Esta última está recomendada para ciclistas con máis experiencia e nela só poderán participar quen teñan máis de 12 anos. Ambas sairán ás 21:00h da parte dianteira do CPI de San Sadurniño, que tamén é punto de remate dos dous percorridos.
Ademais da bicicleta, para participar en calquera das dúas roldas será obrigatorio o uso de casco e de luz frontal. Tamén se recomenda levar móbil con batería cargada a tope e rodar preferentemente en grupos, xa que non se trata dunha proba competitiva. En calquera caso, a rapazada e mocidade menor de idade terá que ir sempre na compaña dunha persoa adulta.
As inscricións son totalmente de balde e deberán facerse por medio desta ligazón de Google forms activada hai xa varias semanas. Aínda sendo gratis, todas as persoas participantes estarán cubertas por un seguro.