A Deputación da Coruña impulsa o emprendemento rural coa segunda edición do Rede Coworking Fest.
A Deputación da Coruña impulsa a segunda edición do Rede Coworking Fest 2025, unha iniciativa única en Galicia que demostra que crear empresa e innovar no rural non só é posible, senón que é o futuro.
Durante unha semana completa, do 15 ao 21 de setembro, os once espazos que conforman a Rede Provincial de Coworking organizarán unha programación sen precedentes de case 100 horas de actividades completamente gratuítas e abertas ao público xeral.
A deputada responsable de Emprego e Industria, Rosa Ana García, destacou que «o obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento local, dar a coñecer o que a Rede de Coworking da Deputación ofrece aos emprendedores da provincia en cada un dos seus 11 centros, fomentar as sinerxías e redes de contacto que permitan crecer ás empresas e apoiar aos sectores clave na provincia, xa que os coworkings son especializados por áreas»
Un ecosistema único de emprendemento A Rede Provincial de Coworking, creada no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, comenzou o seu funcionamento en 2019 coa posta en marcha do primeiro coworking no Pazo de Arenaza en Oleiros. Dende entón, a Rede non parou de medrar e a día de hoxe son 11 os espazos que a conforman, entre coworkings, viveiros de empresa e espazos colaborativos especializados na transformación agroalimentaria.
Esta Rede é única en Galicia, xa que cada un dos centros que a conforman atópase especializado no sector ou sectores estratéxicos da zona onde se localizan. Ademais, a meirande parte destes centros atópanse no rural coruñés e todos eles prestan servizos de apoio e fomento ao emprendemento a nivel supramunicipal. Máis de 260 emprendedores e emprendedoras da provincia xa iniciaron os seus proxectos de negocio titorizados pola Deputación nun modelo único en España.
Programación diversa e especializada
O Rede Coworking Fest 2025 presenta unha programación que abarca desde xornadas de portas abertas ata formacións especializadas, pasando por obradoiros prácticos, charlas de especialistas, asesoramento personalizado a persoas emprendedoras, encontros empresariais sectoriais e ata unha feira labrega.
Entre as actividades máis destacadas figuran:
Formacións técnicas: Seguridade e mantemento informático, adaptación ao sistema VERIFACTU, viabilidade empresarial e economía social; Eventos de networking: I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballo, que conectará tres coworkings en formato híbrido presencial-virtual; Experiencias únicas: Travesía do Empoderamento con perspectiva de xénero, que combina navegación pola Ría de Arousa con formación empresarial; Contido audiovisual: Gravacións en directo do podcast «En Beta Permanente» con emprendedores reais da provincia; Visitas especializadas: Tours por hortas locais e centros de transformación agroalimentaria; Xornada de proxectos enerxéticos: Incluíndo visita á división de Enerxías Renovables de Navantia
Once espazos, once oportunidades
As actividades desenvolveranse simultáneamente nos 11 espazos que conforman a rede: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o coworking A Capela, o centro deemprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño).
Cada espazo organizará actividades adaptadas ás súas especialidades sectoriais, demostrando como o emprendemento rural pode ser tan dinámico e innovador como o urbano, coa vantaxe engadida da proximidade, a comunidade e a calidade de vida que ofrece o territorio coruñés.
Impacto consolidado
O éxito da primeira edición, celebrada en setembro de 2024 con 28 eventos diferentes e máis de100 horas de actividades, demostrou a fortaleza deste modelo de emprendemento territorial. A segunda edición amplía a oferta e consolida a Rede Provincial de Coworking como un referente do emprendemento rural.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a Rede de Coworking da Deputación é «un motor do emprego na provincia, e moi especialmente no ámbito rural, onde contribúe a fixar poboación e a crear postos de traballo e novas oportunidades laborais e empresariais nos municipios máis pequenos da provincia»
Información e inscricións
Todas as actividades do Rede Coworking Fest 2025 son completamente gratuítas e están abertas ao público xeral. As persoas interesadas poden consultar a programación completa e inscribirse nas actividades a través da web: