A Deputación pretende replicar en Escocia os casos de éxito do Camiño Inglés en Inglaterra ou o Camiño Celta en Irlanda.

Unha delegación da Deputación da Coruña, encabezada polo presidente Valentín González Formoso, mantivo unha reunión no Consulado de España en Edimburgo co obxectivo de forxar vínculos con institucións escocesas que permitan promocionar no país o Camiño de Santiago.
Na reunión participaron o máximo representante do Goberno de España en Escocia, o cónsul xeral Santiago Miralles; o asesor do goberno escocés, Víctor Hernández; o asesor de Educación do consulado, Antonio Goñi; o catedrático emérito da Universidade de St. Andrews, Christopher Storrs; e a profesora da Universidade de Strathclyde, Cristina González.
A delegación coruñesa – que ademais do presidente tamén integran o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, e o portavoz do Goberno provincial e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández – expuxo o éxito acadado con iniciativas similares, como o Camiño Inglés en Inglaterra ou o Camiño Celta en Irlanda, experiencias que cada ano atraen a milleiros de visitantes das illas británicas e que demostraron a súa capacidade para dinamizar a economía local, recuperar patrimonio e reforzar a identidade cultural.
Os representantes das institucións escocesas amosáronse moi interesados en coñecer o impacto que estas iniciativas tiveron tanto en territorio británico e irlandés como no galego para avaliar a posibilidade de réplica en Escocia. Pola súa banda, o asesor do Goberno escocés comprometeuse a iniciar contactos con Visit Scotland, o organismo oficial nacional encargado da promoción do turismo en Escocia en todo o mundo, para organizar novos encontros que permitan trazar liñas de colaboración conxunta.
O presidente da Deputación da Coruña destacou que o Camiño supón unha auténtica “revolución económica” para os concellos polos que pasa, xerando actividade hostaleira e comercial, así como axudando a fixar poboación no rural. Lembrou que “cada peregrino que chega deixa unha pegada positiva na economía local” e engadiu que o fenómeno xacobeo non só se mide en cifras de visitantes, senón tamén en termos de revitalización social e cultural. “Estamos a falar de recuperar camiños históricos, protexer a nosa arquitectura tradicional e poñer en valor tradicións que nos identifican como pobo”, explicou o presidente provincial.
Estudos universitarios para crear “atractivo cultural”
Formoso incidiu tamén na importancia do ámbito universitario, ofrecendo ás institucións escocesas a colaboración da Deputación para impulsar estudos que indaguen e documenten as conexións históricas e antropolóxicas de rutas como a de St. Andrews a Edimburgo co Camiño de Santiago. Subliñou que contar con esa base académica “permitirá consolidar un relato sólido que engada atractivo cultural e histórico ás futuras rutas escocesas”.
O presidente convidou finalmente ás autoridades escocesas a coñecer de primeira man a experiencia coruñesa, onde o Camiño ten demostrado ser un motor de progreso económico, recuperación do patrimonio e proxección internacional. Recalcou que Galicia e Escocia comparten unha profunda conexión atlántica e celta e que o Camiño pode converterse nunha ponte que una aínda máis aos dous pobos.