O FeneRock celebra a súa XXII edición no Paseo de San Valentín con tres días de música

O Paseo de San Valentín convértese esta fin de semana no epicentro da música en directo coa celebración da XXII edición do FeneRock, organizado pola Asociación Cultural Centolos. A programación arrancó este venres e prolongarase até o domingo, 7 de setembro, cun cartel cheo de grupos referentes do rock e da música alternativa.

Na mañá deste venres, a alcaldesa, Sandra Permuy, acompañada polo concelleiro de cultura, Justo Ardá, e polo de servizos, Adán Chao, visitaron o recinto para supervisar os últimos preparativos xunto á organización. O Concello de Fene colabora no festival desde a concellaría de cultura, coa achega dun grupo da Rede Cultural da Deputación —Brassica Rapa, que ofrecerá o seu espectáculo Ghrelo power na sesión vermú deste sábado ás 12.30h, con acceso gratuíto—, e tamén desde a área de servizos, encargada de reforzar os labores de limpeza e prevención. Ademais, o Concello contribúe á viabilidade do evento cunha subvención nominativa.

A alcaldesa, Sandra Permuy, sinalou que “tras vinte e dúas edicións, o FeneRock demostra que é moito máis ca un festival: é un espazo de encontro que dinamiza cultural e socialmente o noso concello, e tamén unha oportunidade para que Fene se proxecte cara fóra como un referente na música alternativa”.

Pola súa banda, o concelleiro de cultura, Justo Ardá, puxo en valor “o traballo da AC Centolos e o esforzo que supón manter durante máis de dúas décadas un festival desta dimensión”, e o de servizos, Adán Chao, subliñou que “o Concello reforzou os dispositivos de limpeza e prevención para que todo se desenvolva con normalidade e o público poida gozar da música con todas as garantías”.

A programación desta XXII edición inclúe este venres as actuacións de Sôber, Viva Belgrado, Ezpalak, Hour-Glass e DJR4TIBRÓN.

Este sábado subirán ao escenario Heredeiros da Crus, Monoulious DOP, Los Tigres del Cañotas, Lisdexia, A Pelo, DJR4TIBRÓN e Galiza Sound Machine. O domingo será a quenda de Los Hombres de Diego e Efecto Imperfecto.

As persoas interesadas en acudir aínda poden adquirir abonos a través da páxina web oficial do festival, fenerock.gal.

Lea también

Plazas libres en Valdoviño para participar en el curso de cerámica

El Ayuntamiento de Valdoviño inauguraba en el día de ayer jueves 23 de octubre el …