Trátase da última función do ano do ciclo municipal «Ven o Venres».
O ciclo municipal de teatro «Ven o Venres» convida ao público adulto a asistir esta semana á última función do ano. O auditorio da casa da cultura de Valdoviño acolle este venres ás 20 horas a representación de «Testosterona», dirixida por Xoque Carbajal e protagonizada por Camila Bossa e Luis Iglesia. A entrada é de balde e libre ata completar aforo, e a peza chega a Valdoviño co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Malasombra Producións proponos unha fábula contemporánea con múltiples lecturas nas que unha sobresae: a idea de que a muller se conforma con alcanzar as cotas de poder que o sistema –creado por homes- estableceu. Iso apréciase nas reivindicacións que as mulleres fan (aínda hai poucas directoras, poucas executivas, poucas catedráticas), e así, os mecanismos de corrupción instalados nas estruturas de poder
perpetúanse.
Deste xeito, a obra convida a reflexións diversas: ¿en que consiste a erótica do poder?, ¿as mulleres en cargos directivos poden establecer un novo modelo de relación menos paternalista, máis colaborativo ou son simplemente mulleres con modos masculinos de funcionamento?, ¿ten que ver o xénero co exercicio do poder?, ¿existe unha ética alternativa á hetero-patriarcal capitalista ou a única saída é a completa deconstrución das relacións laborais (e sociais e persoais)?
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
