As Pontes lanza o sorteo “Racing Experience”, un exclusivo evento de condución deportiva

O Concello das Pontes presenta o sorteo “Racing Experience”, unha iniciativa pioneira que permitirá a vinte veciños  do municipio vivir unha xornada única de condución deportiva no circuíto de velocidade local, coa colaboración do equipo profesional TRS Racing Team, responsable do soporte técnico de Renault en competición a nivel estatal.

Durante a rolda de prensa de presentación, o alcalde Valentín González Formoso destacou que “o circuíto de karts está a adquirir cada vez máis protagonismo, e queremos darlle a oportunidade á veciñanza que no dispón dun coche, dun kart ou dunha moto para desfrutar deste equipamento. A través desta experiencia poderano facer dun modo guiado, seguro e accesible”.

Engadiu ademais que “nas Pontes existe unha enorme afección polo motor, polo que esta é só a primeira das propostas que queremos desenvolver para ampliar as posibilidades de uso do circuíto nas disciplinas de karting, automobilismo e motociclismo”.

Pola súa banda, José Ramos, representante de TRS Racing Team, subliñou que “vai ser unha experiencia inesquecible para calquera persoa, sexa ou non afeccionada ao motor. Animamos a todo o mundo a participar, mesmo a quen non segue este deporte, porque descubrirán o divertido e apaixonante que pode ser”.

A actividade desenvolverase o 3 de xaneiro, empregando vehículos oficiais que participan no Campionato de España de Rallys. A experiencia estrutúrase en tres fases que se desenvolverán ao longo da xornada: unha primeira sesión teórica na que se explicarán as técnicas básicas de condución e as normas de seguridade do trazado; unha segunda fase práctica na que as persoas participantes realizarán as primeiras voltas ao circuíto nun coche de rúa para familiarizarse co percorrido e aplicar os coñecementos adquiridos; e, finalmente, unha fase decisiva na que se subirán a bordo dun coche de competición acompañados por un piloto profesional, vivindo así a experiencia real dun vehículo de rally en pleno funcionamento.

Neste sorteo poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos empadroadas nas Pontes, a data 10 de decembro de 2025, e deberán inscribirse chamando ao número de teléfono 673 200 639. O período de inscrición remata o 30 de decembro.

Por cada inscrición cubrirase unha papeleta co nome da persoa participante, que será introducida na urna e o sorteo realizarase o 31 de decembro ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, en acto público gravado pola televisión local.

As persoas participantes poderán comprobar previamente a súa papeleta antes do inicio do acto. Extraeranse 20 papeletas gañadoras e, se fose oportuno, tamén papeletas suplentes. Os nomes das persoas afortunadas publicaranse o mesmo día 31 de decembro nas redes sociais oficiais do Concello e nos medios de comunicación municipais.

Pola súa parte, Elena López, concelleira de Deportes, animou á veciñanza a participar: “Convidamos a toda a xente das Pontes a inscribirse antes do 30 de decembro. O día 31 realizaremos o sorteo público e o 3 de xaneiro viviremos unha xornada emocionante no circuíto das Pontes”.

Lea también

La oficina móvil de la Xunta visita Mugardos para informar sobre el programa RETORNO

El Concello de Mugardos recibió recientemente la visita de la oficina móvil de la Xunta …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *