A Ludoteca municipal de Narón mantén aberto o prazo de inscrición neste servizo ata completar a totalidade das prazas dispoñibles, que se dirixen a menores de 2 a 12 anos e preferentemente empadroados en Narón. A edil de Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro, recordou que se ofertan un total de 135 prazas, distribuídas en diferentes quendas que se manterán ata o mes de xuño.

Os nenos de 2 anos teñen unha quenda os luns e martes de 18:00 a 19:00 horas e os de 3 a 6 anos dispoñen de prazas nas quendas de luns e mércores de 16:00 a 18:00 e dos martes e xoves nese mesmo horario. Os menores de 5 e 6 anos contan cunha quenda os venres de 16:00 a 19:00 e os de 7 a 12 anos poden anotarse na quenda de luns e mércores, na do martes e xoves ou no de venres, en todos os casos en horario de 16:00 a 19:00.
A concelleira de Ensino recordou que as persoas interesadas deberán inscribirse só nunha das opcións ofertadas, tendo prioridade aquelas que se inscriban a tempo completo na opción elixida. Cada menor permanecerá no grupo no que se inscriba ata o remate do curso escolar, independentemente do momento no que cumpra os anos.
Para realizar as inscricións ou solicitar máis información pódese acudir á Ludoteca (rúa Cardenal Cisneros, 2; A Solaina) ou chamar por teléfono ao número 981 389 284, debendo facelo no horario de atención ao público: de luns a venres de 19:00 a 20:00 horas.