Eu sempre crín que o da etiqueta “cantautor” era algo que non tiña que atar máis do necesario. Iso si, esa é a miña opinión, non compartida por moitos outros. Sempre fuxín, ás veces de modo inconsciente, das etiquetas, que só serven para confundir á xente. Así, intentei meterme noutros mundos musicais paralelos nos que ninguén consideraba que eu tivera nada que dicir. Para calalos, escribín este rock and roll e que todos dixeran: “isto a Miguel Alonso non lle pega nada”. A ver se lles gusta.
Deus xa nunca pasa por aquí
Venres para esquecer promesas nunca cumpridas,
verbas para poder dicir o que non sei contarche,
aneis para xuntar por contrato as nosas vidas,
mentiras cada día máis idiotas para non chamarte,
Noite pechada para non ver os estragos que os anos
fixeron no que xa nunca máis será o que era,
libros de contas para calcular os desengaños
dicir adeus non quere dicir que non te quixera.
E nunca
crerei que os dous somos tan distintos
á fin e ao cabo son só os instintos
que xuntan corpos e nos fan fuxir.
E pensa
o que queiras das miñas maneiras
garda a miña alma e as túas cadeiras,
que deus xa nunca pasa por aquí.
Cancións de berce para nenas que xa non me queren tanto,
nubes de algodón para quen aínda hoxe é o meu amigo,
bicos sen alcohol para as mulleres ás que nunca lles canto,
e que en noites de fin de festa virían comigo.
Café sen leite para espertar o teu corpo durmido,
luz da mañá para ensinarte as miñas verdades,
grolos de ron para acender lumes xa consumidos
e xuntar o que fomos e agora son só dúas metades.
Non creas
que se me quedo isto volvería
ser como era cada día
antes do inferno que hoxe vexo en ti
Xa sabes
segundas partes nunca son boas
mellor esquece todo e perdoa
se coma sempre volvo mentir.
E nunca crerei…
E aquí lles vai un vídeo tocando esta canción na TVG: