A Deputación da Coruña financia programas de envellecemento activo en 21 pequenos concellos da provincia

Programas de exercicio físico adaptado, obradoiros de memoria, actividades interxeracionais, roteiros, cursos de novas tecnoloxías e encontros culturais entre as actividades que financa a Deputación con 133.568 euros.

A Deputación da Coruña destina un investimento de 133.568,95 euros a apoiar programas de envellecemento activo e de loita contra a soidade non desexada en 21 concellos da provincia, a maioría deles do ámbito rural. As axudas corresponden á convocatoria FOEAC-2/2025, que vén de publicarse no BOP do 14 de agosto e cuxo obxectivo é impulsar actividades que melloren a calidade de vida das persoas maiores, fomenten a súa participación social e combatan o illamento.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “o reto demográfico é unha das grandes prioridades da institución provincial” e que estas iniciativas “permiten que os maiores sigan a ser protagonistas activos nas súas vilas, mantendo a actividade social, participando en actividades culturais e deportivas e sentíndose acompañados, especialmente nas zonas rurais onde a dispersión xeográfica pode agravar a soidade”.

Formoso subliñou tamén que “os programas de envellecemento activo non só melloran a saúde física e emocional das persoas, senón que contribúen á cohesión social e á vitalidade das comunidades, facendo que os nosos pobos sigan vivos e con futuro”. Entre os proxectos subvencionados figuran programas de exercicio físico adaptado, obradoiros de memoria, actividades interxeracionais, roteiros, cursos de novas tecnoloxías e encontros culturais. As axudas permitirán financiar actuacións en concellos como Abegondo, Ares, Bergondo, Brión, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Melide, Muros, Ortigueira, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Valdoviño, Vimianzo, Oza-Cesuras, As Pontes, A Pobra do Caramiñal e Arzúa, que recibirá a subvención de maneira condicionada á presentación dun proxecto técnico.

Con este programa de envellecemento activo e loita contra a soidade non desexada no rural, a Deputación da Coruña segue apostando polo benestar das persoas maiores, entendendo que a mellor política social é aquela que promove a participación, a autonomía e a compañía, evitando que a idade ou o lugar de residencia se convertan nunha barreira para levar unha vida plena.

Lea también

La industria eólica marina reunida en Ferrol urge acelerar las subastas para garantizar la competitividad de Galicia

El GOE-Asime pide que el Gobierno valore la capacidad real de ejecución y el componente …