A sexta edición do festival da cultura viaxeira Gulliver Fest iniciouse o xoves 7 na área recreativa de Pedroso cunha sesión de cine familiar e música a cargo de La Duendeneta.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, desprazouse o mediodía do venres 8 de agosto á zona, na que continuaba desenvolvéndose unha programación que incluíu ioga dende primeira hora da mañá, un obradoiro de identificación de plantas medicinais, un documental, xogos tradicionais, un obradoiro de como crear historias e música con La Duendeneta.
Numerosas persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades e países, desfrutan dende onte desta proposta do Concello, dos padroados de Cultura e Deportes e a Asociación Furgo Galicia, que se prolongará durante toda a fin de semana. Máis de 400 furgonetas nos espazos habilitados, as 100 prazas da zona de acampada ocupadas e a decena de glamping tamén ao completo, constatan o éxito desta convocatoria.
Pola tarde continuarán as propostas cunha sesión de maxia a partir das 16:00 horas e a continuación as charlas viaxeiras de Bea González, Rubén Prieto e persoal de Wornature, que contarán as súas experiencias viaxeiras polo moundo e, no último caso, técnicas básicas de adaptación física e mental na supervivencia.
A música regresará pola tarde-noite, a partir das 20:00 horas, cos concertos de La Duendeneta, Shurg´Band e Tandub. Na xornada de mañá sábado unha sesión de ioga volverá a abrir a programación ás 9:00 horas, para continuar cunha carreira de orientación ás 10:00 horas –para a que é preciso inscribirse previamente na zona-, a charla viaxeira de Fernando Castiñeiras, teatro e música con La Duendeneta.
Pola tarde continuarán as charlas, o teatro, un obradoiro de creación de chapas do Gulliver e as charlas viaxeitas de Sara Qiu e Walter Astrada ata a chegada, ás 20:00 horas, de Gulliver acompañado por Teshuva Band e os concertos da noite con Shake, La Duendeneta e La Regadera.
A programación rematará o domingo á noite, con propostas que se sucederán dende as 9:00 horas, con ioga, un obradoiro de retratos, teatro e música ao mediodía e á tarde noite con Batukada Latexo, Gramola Gominola, Monoulious Dop, La Duendeneta e The Locos.
Todas as propostas están abertas á participación da cidadanía en xeral e complétanse cunha variada oferta gastronómica para poder comer na zona e tamén de postos de venda de artículos de artesanía, un espazo da Biblioteca municipal, etc. Dende o Concello animouse á cidadanía a acudir a desfrutar da programación deste festival, que se pode consultar ao completo a través da web: gulliverfest.naron.gal.