Ortigueira e Xunta promoven o turismo de natureza coa posta a punto do «Sendeiro de Devesos»

O director de Turismo e o alcalde deste Concello asinaron un convenio que inclúe distintas actuacións que conflúen na creación da ruta que discorrerá ao longo de case 7,5 Km.

A Xunta de Galicia e o concello de Ortigueira pechan un novo convenio de colaboración que aposta pola promoción do turismo de natureza nesta contorna. En concreto, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou un acordo co alcalde deste municipio, Valentín Calvín, a través do que se creará o «Sendeiro de Devesos» co que impulsar o turismo de natureza e patrimonial.

O convenio establece a realización dunha serie de actuacións precisas para a creación da senda, como a limpeza da totalidade do trazado e a súa adecuación e marcaxe, así como a instalación de sinais e de paneis informativos. Para isto, estipúlase un orzamento total duns 30.000€, que asumirá Turismo de Galicia por completo.

Durante a súa intervención, o director de Turismo salientou que a colaboración permitirá tamén “integrar a poboación local no desenvolvemento do destino turístico”, a través do uso e desfrute da nova infraestrutura, ademais “de concienciar sobre a importancia da conservación da biodiversidade e do medio ambiente”.

Baixo a denominación Sendeiro de Devesos, esta nova ruta partirá da antiga escola indiana coñecida como A Devesana para percorrer 7,4 quilómetros, ata o seu remate na fervenza de Lombao. Estímase unha duración media de tres horas para o itinerario, que pasará por elementos clave do patrimonio natural e arquitectónico da zona, como son a igrexa de San Sebastián de Devesos, a serra da Panda, o Santuario de Santa María de Portas ou o muíño de Lombao.

A creación desta nova ruta enmárcase nos esforzos da Axencia por “promover o turismo activo e, en concreto, o sendeirismo”, salientou Xosé Merelles. Neste sentido, Turismo de Galicia subscribiu recentemente un convenio coa Federación Galega de Montañismo para supervisar o estado de conservación das rutas homologadas, que comezará pola revisión de 82 rutas das provincias de A Coruña e Lugo. En total serán 151 rutas de sendeirismo homologadas en toda Galicia.

 

Lea también

Mugardos avanza en el proceso de expropiación en el monte para ampliar el saneamiento con la señalización de parcelas

El Ayuntamiento de Mugardos informa que se continúa avanzando en el proyecto de expropiación forzosa …