Medio milleiro de persoas acudiron en Narón á XXV Festa Gastronómica do Pemento do Couto

A parroquia naronesa do Couto acolleu este domingo a celebración da XXV Festa gastronómica do pemento do Couto, que reuniu a un millar de comensais na carballeira localizada nas inmediacións do local social.

Festa do pemento do Couto 2025

Cociñáronse para a ocasión preto de 150 quilos de pementos do Couto, que os asistentes degustaron acompañados de churrasco ao mediodía. Previamente, o centro cívico social do Couto acolleu o tradicional pregón, a cargo este ano de Xaquín García Sinde, enxeñeiro agrónomo que fixo o seu traballo de fin de carreira sobre a citada hortaliza.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, acudiu á convocatoria acompañada por outros edís da corporación local, entre eles a concelleira de Festas, Mar Gómez. No transcurso do acto destacou o papel que xogan os produtores e produtoras para continuar cultivando pementos do Couto e tamén o labor da Asociación de Veciños do Couto e da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, por manter viva xunto co Concello esta tradicional cita gastronómica. Ferreiro recolleu de mans do pregoeiro o traballo que realizou sobre o pemento, despois de anunciar o autor a súa intención de entregarllo ao Consistorio por se fose do seu interese. Así mesmo, entregoulle un agasallo institucional tras incidir na importancia do seu labor para coñecer máis en profundidade a historia do pemento do Couto, con Indicación Xeográfica Protexida dende o ano 2010.

Na súa intervención, o pregoeiro recordou aqueles anos nos que a súa nai lle encargaba ir á praza e mercar “pementos de Padrón que non piquen” e como a partir de aí comezou o “misterio” por saber o motivo que levaba a que picasen ou non. Tras contactar coa oficina de Extensión Agraria de Ferrol e con seis explotacións que se adicaban ao cultivo do pemento, unha en Lodairo, outra en Ansede, outra en Trasancos, outra en San Mateo e dúas en Mandiá e fixo o traballo de fin de carreira, co obxectivo de expoñer os datos suficientes para poder determinar se o pemento do Couto era ou non unha variedade diferenciada, chegando á conclusión de que si. Ao ter claro que era unha variedade distinta púxolle un nome, o mesmo que leva o seu traballo, “pemento pequeno do Couto”. Un traballo que tivo unha gran trascendencia en varios ámbitos e que deu paso a “unha historia con moitos actores e actrices”.

No acto participaron tamén representantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, ademais de representantes da entidade veciñal e tamén o enxeñeiro técnico agrícola Fran Pico, de Agroflor, integrante da citada Orde e que actuou como presentador do acto.

Ao longo da tarde houbo xogos populares nas inmediacións da carballeira e ás 17:30 horas tivo lugar a actuación de  Alejandro Caribe.

Lea también

Narón acolle esta fin de semana tres propostas culturais e de lecer

A cidade de Narón acolle esta fin de semana tres propostas culturais e de lecer, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *