A deputada de lingua, Sol Agra, presentou esta mañá a iniciativa en San Sadurniño, xunto ao alcalde, Secundino García, onde este mesmo venres terá lugar a primeira das funcións.
A área de lingua da Deputación da Coruña presenta en San Sandurniño o ciclo de teatro “Pegadas de Castelao”, que chegará a 10 concellos da provincia da man da compañía Migallas Teatro ata final de ano. Unha actividade que forma parte da programación do ‘Ano Castelao’ da entidade provincial.
Así o anuncio a deputada de lingua, Sol Agra, acompañada do alcalde de San Sadurniño, Secundino García nunha presentación na que tamén estivo a deputada provincial Cristina García Rey, a concelleira de cultura, Araceli Bellas e o concelleiro de obras, Manolo Beceiro.
A deputada Sol Agra declarou que “o espectáculo Pegadas de Castelao, a quere amosar as profundas pegadas que deixou Castelao na historia e na cultura de Galicia así como avivar o interese por afondar no coñecemento da súa vida, da súa obra e do seu pensamento. Castelao é unha referencia ideolóxica para o futuro do país e queremos achegalo á rapazada dun xeito lúdico e ameno, sen deixar por iso de ser rigorosos na divulgación de todas as súas facetas, porque, como el dixo, todo os seus debuxos e escritos respondían ao seu empeño de converter os soños en realidades e as ideas en feitos, para conseguir un país con igualdade, xustiza social e soberanía”.

Trala estrea este venres 20 en San Sadurniño, o espectáculo de Migallas Teatro estará en Dumbría o 24 de xullo; en Corcubión o 30 de agosto; en Val do Dubra o 22 de setembro; en Sobrado o 24 de setembro; en Mesía o 3 de outubro; en Cerdido o 4 de outubro; en Zas o 24 de outubro; en Mazaricos o 2 de novembro e en Vilamaior o 28 de novembro.
«Pegadas de Castelao» é un espectáculo de Migallas Teatro dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos que ten como obxectivo a difusión da figura e da obra de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista, promotor cultural etc. dunha forma amena e divertida. Para lograr este obxectivo, combínanse diferentes técnicas dramáticas: monicreques de silueta, de luva e cabezudos inspirados nos debuxos e relatos de Castelao, teatro de actor, pantomima, cantar de cego etc., todo acompañado por música en directo e cantigas populares vinculadas á súa vida e obra.