Corenta creadores e creadoras emerxentes dos principais centros de ensinanzas artísticas de Galicia comparten experiencias esta semana nas residencias do Pazo de Mariñán, organizadas coa Real Academia Galega de Belas Artes.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este xoves na VI edición dos Encontros de Mariñán, unha iniciativa organizada en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes que se desenvolve ao longo desta semana no Pazo de Mariñán e que reúne a máis de corenta estudantes procedentes dos principais centros de ensinanza artística de toda Galicia.
Durante a súa intervención, Formoso destacou que esta iniciativa “está consolidada como un dos espazos máis fértiles para a creación e o diálogo entre as novas xeracións de artistas galegos” e reafirmou o compromiso da Deputación co apoio ao talento emerxente e á formación artística. Subliñou que o Pazo de Mariñán se transforma estes días “nun espazo de inspiración, traballo e aprendizaxe compartida”.
A edición de 2025 está dedicada a dous grandes referentes da cultura galega: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Isaac Díaz Pardo. Neste contexto, o presidente puxo en valor a conexión histórica entre Díaz Pardo e a Deputación da Coruña, lembrando que “foi bolseiro provincial e puido mellorar a súa formación artística na Escola Superior de Belas Artes en Madrid grazas a unha beca da Deputación, o que representa un gran orgullo para esta institución”.
Neste sentido, o presidente subliñou que a Deputación “continúa hoxe a súa labor de mecenazgo e apoio continuo aos artistas” con bolsas que nos últimos anos se incrementaron en número de cuantía, e que permitiron a centos de creadores da nosa provincia completar a súa formación en centros especializados de artes de distintos puntos de España, Estados Unidos, Reino Unido ou Francia.
Valentín González Formoso agradeceu tamén a participación nas xornadas de figuras recoñecidas da cultura galega como Felipe Senén, Miguel Anxo Seixas, Xosé Díaz —fillo de Díaz Pardo—, Din Matamoro e Mónica Alonso, que achegan o seu coñecemento e a súa traxectoria para enriquecer a experiencia formativa do alumnado.
Formoso concluíu salientando que “desde o goberno provincial temos claro que unha cultura viva precisa de espazos coma este, nos que se fomente a excelencia, pero tamén a cooperación entre disciplinas e a capacidade crítica”, e reivindicou os Encontros de Mariñán como exemplo do que se pode conseguir “cando institucións, centros educativos e comunidade artística traballan da man cun mesmo obxectivo: facer da cultura un eixo vertebrador do futuro do noso país”.