Cedeira prepárase para celebrar as festas da patroa

O sábado 16 de agosto actuarán Xurxo Fernandes, Budiño e Los Eternos .

Cedeira celebra as Festas da Patroa do 11 ao 17 de agosto, sete  días para os que xa está deseñado un programa de actividades variado que inclúe música,  espectáculos familiares, xogos populares, deportes e -en definitiva- un conxunto de propostas  pensadas para todos os públicos entre as que no faltarán a tradicional procesión marítima nin a Xira  coa que rematarán as festas.  

 A agrupación de voluntarios de Protección Civil, que cumpre o seu 25º aniversario, será a  encargada do pregón co que se abrirá o programa o luns 11 ás 20:00 horas na praza do Concello. Estarán  acompañados da agrupación cultural Buxainas, que aportará a música tradicional a este acto. O  xa imprescindible Entroido de Verán pechará esta primeira xornada a partir das 22:30 na praza do  Floreal, con Discomóbil CDC e unha festa da escuma.  

O martes 12 ás 20:00 a praza Floreal acollerá o espectáculo familiar ”Mute”, de Orain Bi, unha  proposta de circo-teatro premiada na Feria de Artistas Callejeros de Leoia no 2022 que depara  momentos sorprendentes e mesmo poéticos. A partir das 22:30 haberá verbena na praza Roxa co  Grupo Claxxon.  

Os xogos populares protagonizarán a xornada do mércores 13, con diferentes actividades desde  as 18:00 no Paseo da Mariña e ás 20:00 na praza Floreal volve o circo, nesta ocasión da man de  Pistacatro e o seu espectáculo “Píllalo”. A música desta volta soará a partir das 23:00 na praza da  Revolta, coa orquestra Olympus e o cedeirés Brunokavi DJ.  

O xoves 14, de novo ás 20:00 na praza Floreal, o dúo arxentino Laos presentará “Otros aires”, un  espectáculo de acrobacia, tango e comedia para todos os públicos. E as 22:30 na praza Roxa as  orquestras Origen e Miramar poñerán a bailar aos asistentes á verbena nocturna.  

O Día da Patroa conmemórase o venres 15. Nesta xornada, ás 12:00, celebrarase unha misa  cantada pola Coral Virxe do Mar. A continuación, ás 13:30 na praza Roxa haberá un concerto da  Banda de Música Vila de Cedeira. O programa desta data terá un compoñente especialmente  emotivo co partido amistoso de fútbol que disputarán no recén nomeado campo Carmen Maseda  o Cedeira SD e o CD Cariño, a partir das sete da tarde.

O encontro estará dedicado precisamente  á que foi madriña do equipo cedeirés, falecida o pasado ano, cuxo nome leva agora o campo  municipal. Ás 22:30 volverá a música á praza Roxa coa orquestra Fania Blanco Show e a música  latina de Los Coleguitas, un grupo de venezolanos radicados en Galicia. Ás 12:00 botaranse os  tradicionais fogos artificiais.  

Para comezar a fin de semana, o sábado 16 ás 11:00 haberá unha misa seguida da tradicional  procesión marítima, co acompañamento musical da banda Vila de Cedeira. Ás 21:00 subirán ao  escenario da praza Roxa Xurxo Fernandes, Budiño e Los Eternos nun gran concerto dedicado á  música feita en Galicia desde diferentes estilos. Fernandes presentará o seu disco “Levaino”, no que  fusiona a tradición galega coa música xudía urbana; o gaiteiro de Moaña regalaranos, entre outras, as pezas de “Branca vela”, o seu último traballo, e a banda cedeiresa de country-rock-folk  interpretará temas do seu disco “San Antonio” e algúns clásicos do seu repertorio.  

As festas despediranse o domingo 17 coa Xira a San Antón -o encontro popular no que se  comparten xantar, música, risas e conversas- e coa actuación da orquestra New York a partir das  22:30 na praza Roxa.  

Máis actividades culturais en agosto 

A actividade cultural en agosto ten outras citas ademais das relacionadas co programa  dedicado a Nosa Señora do Mar.   O venres 1 ás 20:00 na praza Floreal estarán Os Bolechas con “O gran reto” e esa mesma fin de  semana, os días 2 e 3, celébrase unha nova edición de Discalz@s polo Festival.  

O Concello dedicará as mañás do día 4 ao 7 á “Semana infantil”, con diferentes actividades na  praza Roxa, e o venres 8 ás 19:00 disputarase unha carreira popular.  

O luns 18, dentro do ciclo Jazz de Ría, actuarán o Coro da Ra ás 19:00 no parque dos Patos e  Xan Campos co seu proxecto “Amorodios” ás 21:30 no parque San Isidro. 

Lea también

Un décimo del primer premio de la Lotería Nacional de este jueves vendido en As Pontes

Un décimo de la Lotería Nacional de este jueves, del número 39.601 ha sido vendido …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *