A Deputación da Coruña entrega unha nova furgoneta ao Club do Mar de Mugardos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron o Club do Mar de Mugardos para facer entrega dunha nova furgoneta de 9 prazas que facilitará os desprazamentos dos rapaces do club aos adestramentos e competicións nas que participan.

O vehículo, para o que a Deputación destinou 25.000 euros, permitirá ao club mellorar a loxística dos desprazamentos, nos que é necesario trasladar tanto aos deportistas como embarcacións e material deportivo. A iniciativa enmárcase no compromiso da Deputación co deporte de base e co apoio aos clubs da provincia, especialmente aqueles que traballan co deporte entre os máis novos.

Durante a visita, Formoso e Leira reuníronse cos membros da directiva da entidade e coincidiron cos mozos e mozas durante unha das sesións de adestramento, interesándose pola súa actividade, necesidades e polos proxectos do club. Ambos destacaron o traballo do Club do Mar de Mugardos como exemplo de fomento do deporte no ámbito local e de formación de valores entre a mocidade.

O presidente destacou que o Club do Mar de Mugardos “é unha referencia provincial no deporte remo, que conta cun gran arraigo nas nosa vilas costeiras” e destacou que a Deputación apoia este ano a 12 clubs de remo e piragüismo na adquisición de vehículos como o entregado hoxe en Mugardos, que son fundamentais para os desprazamentos ás competicións.

Para nós é un espaladarazo e un alivio porque sen medio de transporte non hai regatas nin hai competición”, afirmou o tesoureiro do Club do Mar de Mugardos, Guillermo Pereira, que agradeceu o apoio da Deputación e trasladou ao presidente algunhas das principais necesidades de mellora nas instalacións do club.

A Deputación da Coruña incrementou nos últimos anos a súa colaboración económica co club a través das liñas de subvencións da área de Deportes. Grazas a este apoio provincial, moitas das embarcacións e parte do material utilizado polo club foron adquiridos con fondos procedentes da institución.

Lea también

Ortigueira repartirá 3.700 euros en premios en su Concurso de Disfraces de Entroido

El desfile del concurso tendrá lugar el lunes 16 de febrero a partir de las …