Margarita Ledo, Ángela Andrada e Borja Casal, galardoados nos I Premios “José Gil” de audiovisual da Deputación

A cineasta e profesora Margarita Ledo, a guionista Ángela Andrada e o documentalista Borja Casal foron os nomes recoñecidos na primeira edición do Premio “José Gil” de audiovisual, convocado pola área de cultura da Deputación da Coruña para apoiar a creación cinematográfica en lingua galega e destacar traxectorias de especial relevancia no sector e comisariado por Manolo González. Cada un dos galardoados recibirá un premio de 6.500 euros.

Fuente Diputación de A Coruña

A decisión foi tomada durante a reunión do xurado celebrada no Pazo Provincial, presidida pola deputada de cultura, Natividade González, e formada por profesionais de referencia do audiovisual galego: Pepe Coira, Manuel Castelao Mexuto, Beli Martínez, María Yáñez Anllo e José Manuel Sande García.

Así, o xurado acordou conceder o premio á traxectoria a Margarita Ledo, valorando o seu compromiso firme e continuado co cinema en galego desde múltiples frontes: como creadora, como intelectual e como impulsora de iniciativas esenciais para a consolidación dun audiovisual galego forte e con identidade. A súa achega, ao longo de décadas, converteuna nunha figura central da cultura do país.

Na modalidade de guión de longametraxe de ficción, a obra gañadora foi ‘Mamá Benidorm’, de Ángela Andrada. O xurado destacou a súa capacidade para construír unha historia íntima e poderosa sobre a relación entre unha nai e a súa filla adolescente, que transcende o ámbito familiar para ofrecer unha reflexión profunda sobre o papel das mulleres na sociedade contemporánea.

Margarita Ledo-archivo

En guión de longametraxe documental, o premio recaeu en ‘Todo pode esperar’, de Borja Casal. A obra foi recoñecida pola súa madurez narrativa e pola sensibilidade coa que aborda o percorrido vital da súa personaxe protagonista, conectando a súa historia persoal coa memoria colectiva e cultural da Galicia das últimas décadas, especialmente no ámbito musical.

Con esta primeira edición dos Premios “José Gil”, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co impulso ao cinema galego e coa visibilización do talento creativo, apostando pola lingua e a cultura propias como base dunha creación audiovisual sólida, contemporánea e internacionalmente recoñecida.

Lea también

La Filarmónica Ferrolana extiende su oferta musical cara la primavera con tres eventos extra

La Filarmónica Ferrolana va extender de manera excepcional su oferta musical de cara a la primavera, con …