“Costa da Morte: cartografía dun naufraxio” chega a Ares

Este venres 11 de xullo á noite e no parque Rosalía de Castro, interpretarase esta proposta que desexa lembrar ás persoas que se perderon no mar e ás que se quedaron en terra: viúvas, orfas… O evento cultural organizado pola concellaría de Cultura coa produción do Centro Dramático Galego mesturará palabra, imaxe e música en directo nunha iniciativa pensada para público adolescente e adulto.

Este venres 11 de xullo, ás 22:30 horas, a veciñanza de Ares poderá achegarse a un espectáculo teatral con profunda carga emocional. Trátase de “Costa da Morte: cartografía dun naufraxio”, unha proposta do Centro Dramático Galego, coa autoría da creadora Mariña Lestón, que recolle os ecos do pasado mariñeiro de Galicia a través dunha peza de teatro baseada en relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. A actividade, impulsada pola concellaría de Cultura, desenvolverase no parque Rosalía de Castro.

A proposta de Lestón mergúllase nas historias da costa galega que emerxen da traxedia dos naufraxios, pero tamén no impacto que tiveron nas persoas que ficaron en terra: as viúvas do mar, os fillos orfos. O espectáculo teatral constrúe un mapa emocional e íntimo do litoral galego, unido a partir desta perda colectiva, pensado para público adolescente e adulto.

De feito, Ares forma parte dunha xira máis ampla, con 17 municipios relacionados directamente co mar, dende A Guarda ata Ribadeo, deténdose en faros, portos, praias ou lugares próximos ó Atlántico; espazos simbólicosmpara acoller un evento que enfatiza o vínculo destes territorios co seu litoral, tamén dende a parte máis emocional.

Unha cita cultural para mergullarse nunha historia de sal e perda, mais tamén de resiliencia.

Lea también

La Filarmónica Ferrolana extiende su oferta musical cara la primavera con tres eventos extra

La Filarmónica Ferrolana va extender de manera excepcional su oferta musical de cara a la primavera, con …