O Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal convida un ano máis á cidadanía a descubrir os segredos xeolóxicos do territorio a través das súas Xeorrutas de verán, que se desenvolverán entre os meses de xullo e agosto nos sete concellos que conforman o Xeoparque.
As Xeorrutas son percorridos guiados a pé que combinan natureza, ciencia e divulgación para dar a coñecer a singularidade xeolóxica do territorio do Xeoparque. Ao longo destas saídas, as persoas participantes poderán observarde primeira man as formacións rochosas, minerais e paisaxes que fan deste espazo un lugar único no mundo, mentres aprenden sobre a súa orixe e evolución.
O Xeoparque Cabo Ortegal, que abrangue ós concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, foi recoñecido como Xeoparque Mundial pola UNESCO en 2023 polo seu extraordinario patrimonio xeolóxico, que inclúe formacións únicas no planeta, como as ecloxitas, así como espazos naturais de grande valor paisaxístico e de biodiversidade. A súa misión combina conservación, educación e desenvolvemento sostible, promovendo o coñecemento e o aproveitamento responsable do territorio.
As rutas estarán guiadas por Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía e divulgador, e permitirán ás persoas participantes achegarse de maneira amena e accesible a espazos de enorme valor natural e xeolóxico, como cantís, praias, minas, formacións volcánicas ou cabos costeiros.
Xullo
9 – XeoRuta do arsénico (Meirás, Valdoviño) – 10:00 a 13:30
13 – XeoRuta das praias negras (Teixidelo, Cedeira) – 9:30 a 15:00
18 – XeoRuta da lousa (Naraío, San Sadurniño) – 10:00 a 13:00
25 – XeoRuta dos volcáns (Loiba, Ortigueira) – 10:00 a 14:00
27 – XeoRuta do Limo (Cariño) – 10:00 a 14:00
Agosto
3 – XeoRuta da Mina Piquito (Santa Cruz, Moeche) – 10:00 a 11:50 / 12:00 a 13:50
8 – XeoRuta dos Aguillóns (Cariño) – 10:00 a 14:00
15 – XeoRuta do granate (Cortes, Cedeira) – 9:30 a 15:00
23 – XeoRuta das lavas (Espasante, Ortigueira) – 10:00 a 14:00
26 – XeoRuta dos cabos (Pantín, Valdoviño) – 10:00 a 14:00
30 – XeoRuta do cobre (Cerdido-Moeche) – 10:00 a 13:00
Inscricións e condicións
As prazas dispoñibles son limitadas (máximo de 20 ou 10 persoas segundo a dificultade da ruta) e a inscrición realizarase a través dun formulario en liña, que atoparás na páxina web e nas redes sociais xunto con máis información de cada actividade.
O custo é de 10 € para persoas adultas e 6 € para menores de 15 anos. O pagamento farase mediante transferencia bancaria unha vez realizada a reserva online. A cancelación da praza poderá solicitarse gratuitamente ata 4 días antes da saída.
Estas actividades forman parte do labor de divulgación do Xeoparque e ofrecen unha oportunidade única para vivir o territorio con outros ollos, combinando coñecemento, natureza e identidade local.