Equiocio Ferrol activa as inscricións no Concurso de Salto Territorial (CST), que se disputará en Covas, complementando ao Nacional de Salto tres estrelas Cidade de Ferrol. Como novidade, as probas territoriais adiantan un día o seu arranque, e desenvolveranse entre o xoves 31 de xullo e o domingo 3 de agosto.
O Campo das Cabazas volverá converterse durante eses días en referencia para a hípica galega e en cita obrigada para a canteira deste deporte.
A organización, segundo figura no avance de competición publicado, introduce cambios organizativos, concentrando na pista central de herba natural (75×50 metros) a totalidade das probas nacionais e territoriais. Trátase desta maneira de gañar en espectacularidade e favorecer o seguimento das mesmas.
Por iso, “para facilitar a participación, e en previsión dun elevado número de cabalos”, o CST comezará o xoves 31 de xullo con todas as probas territoriais (0,80; 1,00; 1,10) e unha proba especial de 1,20 metros, descansando nas seguintes xornadas unha proba cada día.
Os ponis poderán participar no CST de Equiocio Ferrol, incluídos nas probas de 0,50, 0,80 e 1,00. E en caso de haber un mínimo de tres en calquera categoría, abrirase unha clasificación independente axustando as alturas.
As inscricións para participar no concurso territorial do certame realizaranse directamente a través do comité organizador no enderezo de correo electrónico secretaria@equiocio.es, sendo a data límite o 20 de xullo. Dende a semana pasada tamén se tramitan, pero a través da web da Real Federación Hípica Española, as inscricións para o Concurso Nacional de Saltos***.
Equiocio Ferrol, que se celebrará do 31 de xullo ao 3 de agosto en Covas- Ferrol, contará co patrocinio de Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia e as colaboracións de JRilo, Deporte Galego, Pavo ou a Federación Hípica Galega.