Cedeira acolle a primeira edición da Feira Castrexa

A vila de Cedeira viaxa esta fin de semana no tempo; O paseo da Mariña acollerá a primeira edición da Feira Castrexa, un evento no que se vai recrear a vida dos moradores do castro de Sarridal, cunha palloza, unha colección das súas armas e outros obxectos cotiás daquela época. Haberá un mercado cuns 30 postos de artesanía e unha eira de xogos para que nenos e nenas se divirtan. A feira comeza o venres 27, ás 18.00 horas, e seguirá o sábado e o domingo.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o primeiro tenente de alcalde, Xosé Antón Arribe Rodríguez, pronunciarán este venres ás 18.00, na praza Marieta, o pregón inaugural da Feira Castrexa. A esa hora abrirá o mercado e tamén a eira de xogos. Esta última ofrecerá máis de 18 xogos tradicionais e un rincón do teatro onde os nenos e nenas poderán fotografiarse con casco, escudo e outros atavíos castrexos, ata as 22.00 horas. O mercado continuará aberto todavía ata as 23.30 e durante toda a tarde sucederanse, cada media hora, pasarrúas musicais, teatrais, malabares e outros espectáculos.

Esa sucesión de animacións nas rúas manterase tamén o sábado e o domingo. Nas dúas xornadas funcionará a eira de xogos entre as 11.00 e as 15.00 e de 18.00 a 22.00h, e no mesmo horario cobrará vida o campamento castrexo A Castronela, no que se vai recrear a cotiandade dun castro. Haberá unha palloza cos aparellos habituais dos seus moradores, o seu vestiario e ferramentas, así como unha panoplia castrexa -a colección de armas-. Nesta zona desenvolveranse obradoiros participativos e loitas.

O mercado funcionará o sábado de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 23.30, e o domingo co mesmo horario agás polo peche ás 23.00 horas. O programa de man repartido polo Concello detalla todos os pasarrúas e actuacións programadas cada media hora. Será unha fin de semana de moita actividade na localidade. O Museo Mares acollerá mañá venres, ás 19.00 horas, a presentación do libro “Nao Cetácea” por parte do seu autor Xosé Iglesias.

A asociación Mestas organiza o II Cedeira Queer, a festa do orgullo local, en dous actos na xornada do sábado: sesión vermú a partir das 13.00 horas na praza de Floreal e show drag a partir das 21.00 horas no establecemento hostaleiro A Nogueira. Na sesión vermú haberá un recital de Anxela Lema e Sara Villar e un concerto de Lidia India. Pola noite, actuarán Sasha Moon, Cloe Savage e Miss Rita, e pinchará música o DJ Celulite. A mesma entidade promove xa algúns actos previos, un contacontos infantil hoxe, ás 18.00h no Café Bar Pinzón, e unha charla titulada “E iso de Queer que é?” a cargo de Celia Moreno, de Avante Lgbt+Ferrolterra, mañá venres ás 19.30 horas no café O Mástil.

Xa o domingo, a asociación cultural Buxainas celebrará no parque de San Isidro, a partir das 18.30 horas, o seu Festival Infantil de Baile e Música Tradicional. Xunto cos rapaces e rapazas da propia formación cedeiresa actuarán Os do 21, da localidade lucense do Vicedo.

Lea también

Enrique Artero regresa ao Océano Surf Museo de Valdoviño coa exposición “O surf chega ao Cantábrico”

O acto de inauguración terá lugar este mércores ás 19:00 horas. Oito anos despois, Enrique …