A Coruña, capital da banda deseñada coa apertura de Viñetas desde o Atlántico 2025

Valentín González Formoso destacou na inauguración do festival o papel da banda deseñada como forma de expresión artística capaz de chegar a todas xeracións.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este luns na inauguración de Viñetas desde o Atlántico 2025, onde reivindicou o compromiso da institución provincial coa banda deseñada “non só como forma de expresión artística, senón como ferramenta de transformación cultural capaz de chegar a todas as xeracións”.

O acto tivo lugar no Kiosco Alfonso e contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e doutras autoridades, así como de destacados nomes do mundo da ilustración e da narrativa gráfica como Dave Cooper, Marika Vila, Montse Mazorriaga ou Sara Jotabé.

Formoso destacou que Viñetas desde o Atlántico “é xa moito máis ca unha cita obrigada do verán coruñés: é parte da identidade cultural desta cidade e da provincia” e salientou que o festival “é un referente internacional do cómic, un espazo de encontro co talento, coa creatividade e cunha linguaxe libre, crítica e imaxinativa que conecta co público como poucas”.

O premio de banda deseñada da Deputación cumpre 20 anos

O presidente lembrou que a Deputación da Coruña leva anos apoiando esta cita e que tamén promove, desde 2005, o Premio Castelao de Banda Deseñada, “convertido hoxe nun referente no mundo da ilustración e da narración gráfica galega”.

Precisamente Castelao é un dos grandes protagonistas desta edición, coincidindo co 75º aniversario do seu pasamento. Formoso subliñou que a súa presenza no cartel e na programación “é unha homenaxe xusta e necesaria a quen, ademais de intelectual e político de referencia, foi pioneiro da linguaxe gráfica e mestre na arte de contar pequenas historias con trazos a voapluma e textos breves cheos de sabedoría”.

O presidente lembrou que moitas das viñetas de Castelao “seguen vivas hoxe no imaxinario popular de Galicia” e que a súa obra “inspira a novas xeracións de creadores e creadoras que atopan na banda deseñada unha forma de expresión libre e comprometida coa realidade social”.

Moito máis que banda deseñada

A edición 2025 de Viñetas desde o Atlántico reúne na Coruña a preto de 70 autores de primeiro nivel e propón unha programación renovada que enche as rúas e prazas da cidade con actividades para todos os públicos: exposicións únicas –como a dedicada a Quino, o inesquecible creador de Mafalda–, obradoiros, concertos e mesmo experiencias gastronómicas inspiradas en personaxes icónicas da banda deseñada.

Formoso felicitou ao director do festival, Manuel Cráneo, e a todo o seu equipo, así como ao Concello da Coruña, “por seguir facendo das Viñetas un punto de encontro imprescindible para os afeccionados ao cómic de toda España”. Ademais, agradeceu a participación das creadoras e creadores que “fan posible que, durante estes días, A Coruña se converta na capital da banda deseñada”.

O presidente provincial concluíu reiterando o compromiso da Deputación: “Seguiremos aquí, do voso lado, apostando polo cómic e por levar a cultura a todos e cada un dos municipios desta provincia”, afirmou.

Lea también

El concierto de Manu Sija cierra en Neda el festival itinerante Jazz de Ría

Jazz de Ría concluirá su décima edición este domingo 16 a mediodía en Neda. El …