Fene estrea oficina de turismo ó paso do Camiño Inglés

O novo emprazamento, nas inmediacións do consistorio de Fene, mellora a visibilidade e accesibilidade do servizo para peregrinas e visitantes. A oficina funciona en horario de mañá, de luns a venres, e o servizo está financiado pola área de Turismo da Deputación da Coruña.

 

O Concello de Fene vén de poñer en funcionamento a súa nova oficina municipal de turismo, situada agora na Avenida do Concello, a carón da Casa consistorial e nun punto estratéxico do Camiño Inglés a Santiago. A nova ubicación responde ao obxectivo de ofrecer un servizo máis funcional e visíbel, achegándoo tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Fene.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, valorou moi positivamente o cambio: “Esta nova localización permite que o servizo sexa máis accesíbel e visíbel, especialmente para as persoas que transitan polo Camiño Inglés. A oficina convértese así nun punto de referencia para coñecer Fene e descubrir a súa riqueza patrimonial, cultural e gastronómica”.

A oficina está atendida por unha técnica de turismo e ofrece atención presencial de luns a venres, en horario de 8:30 a 13:30 horas. Desde este espazo facilítase información turística, mapas, materiais divulgativos e orientación tanto a persoas visitantes como á veciñanza interesada en descubrir os recursos do concello. Este servizo de atención está financiado por Turismo da Deputación da Coruña, no marco do seu programa de apoio aos concellos para o desenvolvemento e promoción turística.

“Queremos que quen chegue a Fene se sinta ben acollido desde o primeiro momento”, engadiu Coira. “Esta oficina é unha porta de entrada a todo o que ofrece o noso concello: desde o patrimonio natural das súas praias e sendeiros, ata as festas, a música ou a arte urbana. Fene é un destino cada vez máis activo, e esta oficina é un recurso clave para acompañar ese crecemento turístico”.

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …