Narón celebra o XI Encontro de Rondallas e a XVIII Festa do Churrasco

Actuarán as rondallas Añoranzas, Só Elas, Lucero del Alba e Trobadores de Ares.

A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou con Francisco José Pita e Santiago Vázquez, presidente e vogal respectivamente da Asociación de Veciños de Piñeiros, o XI Encontro de Rondallas Cidade de Narón. A cita terá lugar o sábado día 28 deste mes no campo da festa de Piñeiros, nas inmediacións da igrexa parroquial, e dará comezo ás 17:00 horas. A edil naronesa avanzou que actuarán as rondallas Añoranzas, Só Elas, Lucero del Alba e Trobadores de Ares, catro formacións cunha importante traxectoria na comarca.

Ao remate das actuacións, dende a entidade veciñal informaron que se porán á venda racións de callos –a prezos populares-, acompañados de pan e bebidas, para rematar a xornada en Piñeiros coa actuación do Dúo Aplauso.

O domingo 29 a AVV. Piñeiros organizou unha nova edición, a vixésimo primeira, do Encontro de Bandas de Gaitas Memorial Lolete, no que actuarán as bandas de gaitas do Ortegal (Ortigueira), de San Xulián (Marín) e Agarimo (Ferrol).

A actuación será trala XVIII Festa do churrasco, que dará comezo ás 14:00 horas e que estará amenizada pola solista Claudia. Mexilóns, churrasco, chorizos, liscos, patacas, pan e bebidas, con sobremesa, por un prezo de 23 euros compoñen o menú, cuxos tickets se poden adquirir no ambigú do local social de Piñeiros ou tamén se pode reservar mesa chamando ao número de teléfono 630 758 663.

Dende a organización animaron á veciñanza a acudir a estas celebracións programadas en Piñeiros para desfrutar da música e tamén da gastronomía no xa recoñecido Fin de semana cultural e gastronómico da parroquia.

Lea también

Equiocio Ferrol presenta el cartel de su 35 aniversario, obra de la ilustradora Carola Bouza

Equiocio Ferrol lanzaba este jueves en sus redes sociales la imagen con la que promocionará …